O alcalde de Toronto recoñece o consumo de ''todo tipo'' de drogas

O alcalde de Toronto, Rob Ford, recoñeceu hoxe durante unha serie de entrevistas con medios de comunicación locais que consumiu "todo tipo" de drogas, desde marihuana ata cocaína pasando por fungos alucinógenos, pero asegurou que seguirá no posto e presentarase á reelección.

A onda de entrevistas prodúcese 48 horas despois de que Ford regresase ao posto tras pasar dous meses en excedencia, nos que recibiu tratamento por alcoholismo e adicción a estupefacientes.

Ford, un adiñeirado empresario que pertence a unha poderosa familia conservadora de Toronto, foi elixido alcalde en 2010 coa promesa de reducir impostos e, a pesar dos seus problemas co alcol e as drogas, está en plena campaña para a súa reelección de face ás eleccións á alcaldía en outubro deste ano.

Durante as entrevistas con varias televisións locais, Ford repetiu as mesmas respostas ás preguntas máis comprometedoras e defendeu as súas accións porque, dixo, "nacín con esta enfermidade e morrerei con esta enfermidade", en referencia ao seu alcoholismo e drogadicción.

Ford desapareceu da vida pública hai dous meses cando dous xornais de Toronto revelaron un vídeo no que o alcalde e adiñeirado empresario fumaba crack, unha potente variedade da cocaína, na casa da súa irmá, así como unha gravación de audio na que profire insultos homófobos, sexistas e racistas.

O luns, Ford reapareceu na alcaldía de Toronto e leu unha declaración de 20 minutos ante un reducido grupo de medios de comunicación.

Con todo, negouse a identificar ás persoas que lle proporcionaron crack e outros estupefacientes desde que chegou á alcaldía, así como a colaborar coa Policía de Toronto, que está a investigar os seus vínculos con organizacións criminais da cidade. O alcalde escudouse en que o seu avogado lle aconsellou que non coopere coa investigación policial.

Ford tamén negou que sexa homófobo ou racista a pesar das múltiples conversacións gravadas nas que se lle pode escoitar proferindo insultos contra algunhas minorías. O alcalde tampouco quixo contestar se, en caso de ser reelixido ao cargo, estará presente o próximo ano nas celebracións do Día do Orgullo Gai que se celebran en Toronto.

A pesar da tradicional presenza do alcalde de Toronto nas celebracións desta data, desde que chegou á alcaldía Ford evitou asistir ao acto con diferentes escusas. Tampouco quixo contestar se dimitiría do cargo no caso de que recaia no consumo de alcol ou drogas. Ford recoñeceu en varias ocasións que mentiu de forma repetida sobre as súas accións e non é a primeira vez nos últimos meses que se declara "curado" tras recoñecer o consumo de drogas.

Comentarios