O corpo do último ministro do Petróleo de Gadafi aparece no Danubio

O corpo do antigo primeiro ministro libio e último responsable do Petróleo do réxime de Muamar al Gadafi, Chukri Ghanem, foi achado hoxe no Danubio nos arredores de Viena, informou a Efe a policía austríaca.

Os restos mortais foron achados por unha persoa ás 08.40 da mañá (06.40 GMT), e unha vez rescatado o corpo foi identificado como o do exministro Ghanem, de 69 anos.

"Non se atoparon pegadas de violencia nin indicios da participación de terceiros", explicou a Efe o portavoz policial Roman Hahslinger, aínda que matizou que todas as vías na investigación seguen abertas á espera de que a autopsia determine as causas da morte.

"É posible que poida sentirse mal, sufrir un ataque cardíaco e caer ao río", indicou.

Os investigadores apuntan a que Ghanem saíu da súa casa o domingo á primeira hora e cando se atopou o corpo non levaba moito tempo na auga.

Fontes "de círculos familiares" citadas polos medios austríacos apuntan tamén a que Ghanem morreu debido a un ataque ao corazón.

A policía confirmou que nos últimos meses o antigo colaborador do falecido coronel Muamar al Gadafi vivía en Viena, onde tiña un pequeno despacho no centro da cidade.

O pasado maio, pouco antes da caída do réxime, Ghanem, entón ministro do Petróleo, abandonou Libia e refuxiouse en Tunisia e posteriormente en Roma.

A deserción de Ghanem, que foi presidente da poderosa compañía estatal de petróleo libia NOC, foi un duro golpe para Gadafi, xa que era un dos dirixentes máis influentes dentro do círculo de poder libio.

Comentarios