Os yihadistas destrúen máis da metade das ruínas de Nimrud

Ruinas de Nimrud.
photo_camera Ruinas de Nimrud.

O Estado Islámico (EI) destruíu máis da metade das ruínas asirias de Nimrud durante o seu ataque o xoves a este sitio arqueolóxico situado no norte de Iraq, informaron hoxe responsables locais.

A presidenta do comité de Turismo e Antigüidades da provincia setentrional de Nínive, onde se atopa Nimrud, Balquis Taha, dixo a Efe que esta cidade asiria contén "tesouros arqueolóxicos de incalculable valor".

Taha mostrouse especialmente preocupada pola sorte das estatuas de touros alados, das que hai dúas no lugar arqueolóxico, que data do século XIII a.C., xa que denunciou que a organización terrorista trata de "xeito bárbaro e inmoral" as antigüidades e non respecta o patrimonio iraquí.

Por iso, instou á comunidade internacional a "intervir para salvar o patrimonio cultural de Mosul", capital de Nínive, da que depende Nimrud, principal cidade arqueolóxica de Iraq, coñecida na Biblia como Kalakh, unha das capitais do Imperio Asirio e está situada xunto ao río Tigris, a uns 30 quilómetros ao sueste de Mosul.

Taha expresou por iso a gran preocupación do seu comité ante o que está a suceder e os seus temores a que se produzan máis ataques.

O Ministerio iraquí de Turismo e Antigüidades informou onte á noite de que os yihadistas empregaron maquinaria pesada para arrasar Nimrud e solicitou ao Consello de Seguridade da ONU que celebre unha reunión urxente.

O pasado 26 de febreiro, o EI difundiu un vídeo por internet que mostraba como os seus membros destruían decenas de figuras do Museo da Civilización de Mosul en Iraq, entre elas algunha da época asiria.

Un dos yihadistas que aparecía no vídeo xustificou ese acto de vandalismo asegurando que os pobos da antigüidade adoraban a ídolos "no canto da Alá", e que o propio profeta Mahoma destruíu coas súas propias mans figuras similares.

Comentarios