O Goberno arrebata o reparto da axuda das ONG estranxeiras

O presidente de Sudán, Omar Hassan al Bashir, ordenou que todas as organizacións internacionais deixen de distribuír axuda humanitaria no país no prazo dun ano e que este labor a asuman en exclusiva as organizacións non gobernamentais (ONG) do país.

"Ordenamos ao Ministerio de Asuntos Humanitarios que, no prazo dun ano, os sudaneses asuman completamente o traballo voluntario en Sudán, despois de que as organizacións internacionais deixasen de distribuír a axuda entre os cidadáns sudaneses", declarou Bashir durante un desfile militar.

"Elas (as organizacións internacionais) só deben deixar as súas axudas alimentarias no aeroporto e as organizacións non gobernamentais sudanesas poderán distribuílas", engadiu o presidente sudanés que goberna con puño de ferro o país desde hai 20 anos.

Bashir, acusado de crimes de guerra
O Goberno ordenou a expulsión de 16 ONG internacionais en represalia pola orde de detención ditada polo Tribunal Penal Internacional (TPI) contra Bashir por crimes de guerra e contra a Humanidade na rexión de Darfur, ao oeste do país. Jartum acusou ás organizacións de axudar ao TPI, o cal foi negado por aquelas.

Os expertos internacionais cren que en seis anos de guerra en Darfur morreron ao redor de 200.000 persoas e fuxiron dos seus fogares máis de 2,7 millóns.

O Goberno reduciu a cifra de mortos a 10.000. Ao redor de medio millón de persoas quedaron sen asistencia humanitaria urxente segundo datos de Acción contra a fame, unha da ONG que traballaban na rexión.

Comentarios