O presidente checo a Putin:"Hai demasiados xornalistas, habería que liquidalos"

"Non é necesario, pódese simplemente reducir o seu número", foi a resposta do máximo mandatario ruso
Milos Zeman y Vladimir Putin
photo_camera Milos Zeman y Vladimir Putin

O presidente checo, Milos Zeman, chanceou este domingo co seu homólogo ruso, Vladimir Putin, sobre a posibilidade de "liquidar a xornalistas" durante un encontro bilateral en Pequín nas marxes do Foro das Novas Rutas da Seda. "Hai demasiados xornalistas aquí, habería que liquidalos", dixo Zeman a Putin cando entraban a unha sala con numerosos reporteiros que agardaban a rolda de prensa de ambos os mandatarios, segundo a televisión pública checa CT.

O presidente ruso respondeulle: "Non é necesario, pódese simplemente reducir o seu número". Putin invitou a Zeman a visitar Rusia en novembro e destacou as boas relacións entre ambos os países. Organizacións internacionais de prensa criticaron en numerosas ocasións a Rusia pola fustrigación que sofren xornalistas críticos.

En abril, un dos fundadores do diario Novi Peterburg e coñecido crítico de Putin, Nikolái Andruschenko, morreu tras pasar varias semanas en coma despois de ser mallado en marzo. Zeman, de 72 anos e considerado próximo a Putin, protagonizou varias polémicas durante o seu mandato, como cando tamén chanceou coa posibilidade de matar ao primeiro ministro checo e o seu rival político, o socialdemócrata Bohuslav Sobotka.

Nesa ocasión á pregunta de "Como podemos librarnos do primeiro ministro?", Zeman contestou: "A opción democrática é só unha, unhas eleccións libres. A non democrática é cun Kalashnikov". O presidente, que ten unha tensa relación co Goberno checo, cualificou á Unión Europea como "inútil e burocrática" e é dos poucos líderes comunitarios que considerou positiva a chegada de Donald Trump á presidencia de EEUU.

Na última semana producíronse varias protestas multitudinarias en Praga contra Zeman, ao que consideran responsable da actual crise política do país, ao non aceptar a dimisión do ministro de Finanzas, Andrej Babis, baixo sospeita de evasión fiscal.

Comentarios