O risco de erupción do volcán Ontake obriga a suspender a procura de desaparecidos

As operacións para rescatar a posibles sobreviventes na cima do volcán Ontake, no centro de Xapón, cuxa erupción causou polo menos 36 mortos, volveron suspenderse polo risco de novas explosións volcánicas, informou hoxe a cadea pública NHK.

Ä primeira hora unhas 800 persoas da policía, bombeiros e Forzas de Autodefensa (Exército) renovaron as actividades de rescate, pero deberon suspendelas ás 07.00 hora local (22.00 GMT do luns) por recomendación da Axencia Meteorolóxica de Xapón, que teme a actividade que mostra o volcán.

O Goberno da prefectura de Nagano, que coordina o operativo, está agora á espera das indicacións da axencia meteorolóxica para renovar ou non o rescate.

A erupción do Ontake deixou ata o momento 36 falecidos, aínda que as autoridades só confirmaron oficialmente a morte de doce persoas xa que a lexislación xaponesa non permite ao persoal dos equipos de urxencia certificar un deceso porque só pode facelo un médico.

As autoridades informaron de que a erupción volcánica tamén causou ata o momento 69 feridos de diversa consideración.

O Ontake, segundo volcán máis alto de Xapón con 3.067 metros de altura e situado a uns 100 quilómetros da cidade de Nagoya, comezou a expulsar fume, rocas e cinzas a madrugada do sábado e desde entón continuou emanando residuos.

Centos de persoas practicaban sendeirismo no volcán no momento da erupción, e a maioría puideron abandonar a zona ou foron evacuados, os últimos a mañá do domingo coa axuda de helicópteros militares.

O Ontake é o segundo maior volcán de Xapón, detrás do Monte Fuji (3.776 metros), e atópase entre as prefecturas de Gifu e Nagano.

A súa última gran erupción ocorreu en 1979, cando expulsou unhas 200.000 toneladas de cinzas, mentres que en 1991 rexistrou outra menor e en 2007 provocou unha serie de terremotos volcánicos.

Xapón está situado no anel de lume do Pacífico e conta no seu territorio con máis dun centenar de volcáns activos e inactivos.

Comentarios