Empeza a operación para endereitar o Costa Concordia

Ás 09.00 hora local (07.00 GMT) comezou a operación para endereitar o Costa Concordia, o xigantesco cruceiro que fai 21 meses naufragaba causando a morte de 32 persoas e quedaba encallado fronte ás costas da turística illa do Giglio (centro de Italia).

É a primeira vez que a enxeñería se enfronta a un reto destas magnitudes debido ao gran peso do cruceiro e a súa posición.

O chamado parbuckling, o termo técnico co que se coñece a operación coa que se procederá á rotación de 65 graos para que o barco volva estar en posición vertical, comezou con atraso á hora prevista (04.00 GMT) debido a un forte temporal que se produciu durante a noite.

Esta primeira fase prevé que unha especie de gatos tensen por unha banda os cables de aceiro unidos á parte superior dos caixóns e das plataformas instalados, mentres que outros cables, conectados ás 13 torretas construídas a estribor, utilizaranse para dar equilibro ao barco.

Un dos responsables do proxecto, Sergio Girotto, informou de que todo está a funcionar perfectamente, que se comezou a tirar cunha forza de 700 toneladas e que se prevé que a operación dure preto de 12 horas.

Cando o cruceiro se atope xa en posición vertical pasarase á fase seguinte coa instalación de 15 novos flotadores-estabilizadores, iguais aos xa instalados na parte esquerda do casco, e que grazas a un sistema pneumático, que baleirará a auga de forma gradual do seu interior, dará o empuxe suficiente para reflotar o barco.

A expectación pola operación convocou a máis de 500 xornalistas procedentes de todo o mundo, para seguir en directo como o mole de 44.600 toneladas de peso, 290 metros de lonxitude e cerca 70 metros de altura volverá ser reflotada.

A operación, realizada pola sociedade estadounidense Titan Salvage e a italiana Micoperi, custou 600 millóns de euros á naviera Costa Cruceiros e preto de 500 persoas traballarán para devolver ao barco á posición vertical.

O comisario extraordinario para a urxencia da Costa Concordia e xefe da Protección Civil italiana, Franco Gabrielli, asegurou que todo sairá ben e que a prioridade tras endereitar o cruceiro será a procura dos dous corpos que aínda non se recuperaron, a pasaxeira Maria Grazia Trecarichi e o membro da tripulación Russel Rebelli.

O cruceiro non se moverá do Giglio ata a primavera do ano que vén, cando comezará a súa viaxe final ata un porto próximo, no que se procederá ao seu despezamento.

Tras esta operación xurdiron algunhas dúbidas sobre o posible impacto ambiental que terá o reflote debido a todos os residuos e líquidos que se acumulan aínda no seu interior e que poderían ser vertidos ao mar.

Comentarios