Unha especie descoñecida na cova máis profunda

Unha nova especie de escaravello, denominada Duvalius abyssimus e da que se capturaron dous exemplares, un macho e unha femia, foi achada na cova de Kruber, a máis profunda coñecida, de 2.140 metros, situada no macizo de Arábica, en Abjasia, no Cáucaso Occidental.

Os investigadores Ana Sofía Reboleira, das universidades de Aveiro e de La Laguna, e Vicente M. Ortuño, da Universidade de Alcalá, publicaron un artigo que dá conta deste achado na revista Zootaxa, informa o centro académico tinerfeño, que cita ao Servizo de Información e Noticias Científicas (SINC)

Os escaravellos das covas foron os primeiros seres vivos descritos pola ciencia que están adaptados ás condicións de vida hipoxea ou subterránea.

As características da nova especie, cuxos exemplares capturados non foron localizados ao final da cova, indican que está nun grao medio de adaptación á vida subterránea. Proba diso é que aínda conserva ollos, que están ausentes nas especies cavernícolas moi especializadas, segundo os investigadores.

A cova áchase na rexión do macizo de Arábica, con altitudes que oscilan entre os 1.900 e 2.500 metros.

A súa gran extensión proporciona refuxios subterráneos á fauna e de feito no Cáucaso occidental viven varios xéneros de escaravellos cavernícolas endémicos. "A súa localización é estratéxica, xa que na zona reúnense faunas de orixe europea, asiático e tamén endémico", subliña Ortuño.

A entrada á sima está a 2.240 metros sobre o nivel do mar e a 15 quilómetros do Mar Negro. Baixo numerosos tramos de desenvolvemento vertical, alcanza unha profundidade de 1.400 metros. A partir desta cota, bifúrcase en ramais e é necesario superar varios sifóns con técnicas de mergullo para chegar á máxima profundidade coñecida.

"O descubrimento do novo escaravello achega importantes datos sobre as especies que coexisten nestes ecosistemas tan descoñecidos, máis aínda cando se achan nunha área xeográfica de moi difícil acceso, como é o caso desta cova", sinala Ortuño.

Comentarios