O expolicía acusado do asasinato de George Floyd, libre tras abonar un millón de dólares

É o último dos catro exaxentes implicados na morte que sae en liberdade condicional á espera de xuízo
Mural conmemorativo dedicado a George Floyd en Atlanta. EFE
photo_camera Mural conmemorativo dedicado a George Floyd en Atlanta. EFE

O expolicía da cidade estadounidense de Mineápolis (Minesota) Derek Chauvin, acusado do asasinato do afroamericano George Floyd —a quen mantivo varios minutos presionándolle o pescozo co xeonllo—, saíu este mércores de prisión en liberdade baixo fianza. 

Segundo rexistros penais divulgados polos medios locais, Chauvin, que foi detido en maio e debe comparecer ante os tribunais en marzo próximo pola morte de Floyd, foi liberado tras depositar unha fianza dun millón de dólares

Chauvín é o último dos catro exaxentes implicados na morte de Floyd que sae en liberdade condicional á espera de xuízo, logo dos seus excompañeros Tou Thao, J. Alexander Kueng e Thomas Lane, presentes na detención do afroamericano e acusados de complicidade no asasinato por non facer nada por evitalo. 

A morte de Floyd suscitou manifestacións contra a violencia policial nunha vintena de cidades de Estados Unidos, moitas das cales derivaron en desordes e saqueos, debido en parte á crueza das imaxes da súa detención, na que Chauvin lle presionou o pescozo co xeonllo ata que perdeu o sentido. 

As autoridades de Mineápolis están alerta ante a posibilidade de novos disturbios por mor da saída de prisión de Chauvin

O expolicía, de 44 anos e que levaba 19 na policía de Mineápolis, será xulgado por homicidio e homicidio en segundo grao nun tribunal do condado de Hennepin, nun xuízo programado para marzo que podería incluír os seus tres excompañeros. 

Témese que a liberación de Chauvin xere tensións en Mineápolis, escenario nos últimos meses das protestas máis violentas pola morte de Floyd, con enfrontamentos entre policías e manifestantes, saqueos e disturbios. Segundo medios locais, as autoridades xa están alerta ante a posibilidade de novos disturbios, nunha cidade na que moitos comercios seguen protexendo os seus escaparates con paneis de madeira ante o temor permanente a un rebrote de violencia. 

As dúas autopsias practicadas ao cadáver de Floyd, unha oficial e outra independente, mostraron que a súa morte foi un homicidio, pero, mentres a que ordenou a súa familia apuntou á "asfixia" como motivo, a do forense citou un "paro cardiorrespiratorio" ocorrido mentres o inmobilizaban. 

Floyd faleceu o 25 de maio tras ser detido baixo a sospeita de intentar usar un billete falso de 20 dólares nun supermercado, nunha escena que foi gravada polos transeúntes. Os vídeos mostraron a Chauvin co xeonllo sobre o pescozo da vítima durante máis de oito minutos sen facer caso aos rogos de Floyd, que repetía: "Por favor, por favor, por favor, non podo respirar. Por favor". O "non podo respirar" de Floyd converteuse, precisamente, no berro das protestas contra a violencia policial. 

Comentarios