A Fiscalía alemá informa os pais de Madeleine de que ten "probas" da súa morte 

Pola súa banda, Kate e Gerry McCann negan que reciban misiva algunha sobre este asunto
Hans Christian Wolters. FOCKE STANGMANN (Efe)
photo_camera Hans Christian Wolters. FOCKE STANGMANN (Efe)

A Fiscalía alemá trasladou aos pais de Madeleine McCann que ten "probas concretas" que permitirían confirmar que a pequena, desaparecida durante unhas vacacións no sur de Portugal fai 13 anos, está morta, aínda que non transcenderon cales serían estas evidencias. 

A investigación reactivouse por mor da identificación dun novo sospeitoso, xa encarcerado en Alemaña. Trataríase de Christian B., de 43 anos, un delincuente sexual con múltiples condenas, entre elas unha por abuso sexual de menores.

O fiscal de Braunschweig, Hans Christian Wolters, xa recoñecera publicamente que todas as pistas apuntaban a que Madeleine falecera. Agora tamén escribiu aos seus pais, Kate e Gerry, para confirmarlles que non ten dúbidas de que está morta, aínda que sen entrar en detalles.

Wolters argumentou que falar das probas podería pór en perigo as investigacións, segundo a cadea de televisión británica Sky News. Segundo The Daily Mail, o fiscal tampouco compartiu os avances coas policías británica e portuguesa, implicadas tamén no caso.

O portavoz da familia McCann, Clarence Mitchell, aclarou que non revelarán temas que corresponden a comunicacións privadas, aínda que si negaron que reciban unha carta da Fiscalía alemá con datos que confirmasen o falecemento da pequena.

Comentarios