Guaidó intentará este martes entrar á sede do Parlamento como presidente

A UE recoñéceo como líder da Cámara venezolana e denuncia irregularidades nas eleccións á Asemblea Nacional
Juan Guaidó. EFE
photo_camera Juan Guaidó. EFE

O líder opositor Juan Guaidó, a quen medio centenar de países recoñecen como presidente encargado de Venezuela, anunciou este luns que irá este martes á Asemblea Nacional (AN, Parlamento) para intentar comezar o ano lexislativo, despois de que o domingo as forzas da orde prohibisen o seu ingreso.

Guaidó, quen foi reelixido como presidente do Parlamento nas instalacións dun xornal tras non poder acceder ao Palacio, indicou que un grupo de estudantes acompañará aos deputados o martes e pediu á sociedade que se unha. "Non é o Parlamento o que está en xogo, é o país, é a república", dixo ante xornalistas.

Guaidó asegurou estar disposto a "arriscarse" este martes, cando prevé entrar á sede do Parlamento, despois de que o domingo recibise empuxóns e golpes por parte de militares que lle negaron o acceso e baixárono dun enreixado na que se montou nun intento desesperado.

A UE. O alto representante da Política Exterior da Unión Europea, Josep Borrell, denunciou este luns irregularidades nas eleccións á Asemblea Nacional venezolana celebradas o domingo, polo que os Vinte e oito seguen recoñecendo a Juan Guaidó como presidente da institución. 

O país suramericano viu abrirse un novo cisma institucional despois de que fosen elixidos dous presidentes distintos para o seu Parlamento: os deputados chavistas votaron a Luís Parra, mentres as forzas policiais impedían a golpes acceder ao hemiciclo a Guaidó, reelixido horas despois como líder da cámara na sede  do diario El Nacional.

A través dun comunicado do seu portavoz, o xefe da diplomacia europea afirmou que as eleccións "estiveron marcadas por graves irregularidades e actos contra o funcionamento democrático e constitucional" da Asemblea que, como resultado, non puido levar a cabo o seu mandato.