Hospitalizado por segunda vez o opositor ruso encarcerado en folga de fame

Serguéi Udaltsov iniciou a protesta o 14 de agosto, despois de que un Tribunal aprobase o seu arresto administrativo por unha acción non autorizada contra a reforma de pensións en Rusia

 

 

 

O opositor ruso Serguéi Udaltsov, en folga de fame nun cárcere de Moscova desde o 14 de agosto, foi hospitalizado este domingo por segunda vez en oito días, informou a súa esposa.

"Esta mañá ás 11.00 (14.00 GMT) Serguéi foi hospitalizado", dixo Anastasía Udaltsova á axencia rusa Interfax e agregou que o seu marido sofre "deshidratación grave, insuficiencia renal e presión arterial baixa".

No hospital, Udaltsov recibe un tratamento por vía intravenosa, pero existe o risco de que en breve teña que abandonar o centro médico, alertou Udaltsova, quen dixo que o opositor non se expón abandonar a folga de fame.

Udaltsov, en folga de fame seca –sen consumo de líquidos– xa estivo hospitalizado o pasado domingo por unha dor nos riles e devolto a prisión un día despois.

O opositor, líder da Fronte de Esquerdas, iniciou a folga de fame despois de que un Tribunal aprobase o seu arresto administrativo durante 30 días por organizar, o pasado 28 de xullo, unha acción non autorizada contra a reforma de pensións en Rusia.

Durante esa protesta, que non recibira luz verde da alcaldía, Udaltsov queimou "retratos de persoas parecidas a membros do Goberno ruso", segundo o Tribunal.

Udaltsov xa cumpriu catro anos e medio de cárcere por participar en maio de 2012 en disturbios no medio das maiores protestas antigubernamentales desde a caída da URSS.

PENSIÓNS. A reforma de pensións, que prevé atrasar a idade da xubilación no país, provocou numerosas protestas en distintas cidades rusas que estiveron acompañadas de peticións dun referendo sobre a iniciativa.

A oposición rusa planea celebrar en Moscova outras dúas manifestacións contra a polémica medida o 2 e 9 de setembro.

Precisamente o sábado foi detido en Moscova o líder opositor ruso Alexéi Navalni, quen convocou para o 9 de setembro, día das eleccións municipais e rexionais en Rusia, unha protesta en decenas de cidades contra a reforma das pensións que, segundo enquisas, rexeita case o 90 % da poboación. 

Comentarios