Imputan a Lagarde por ''neglixencia'' no 'caso Tapie'

A directora do Fondo Monetario Internacional (FMI), Christine Lagarde, foi imputada por ''neglixencia" tras ser interrogada durante varias horas en relación cunha investigación por presunta corrupción, indicaron hoxe a Efe fontes xudiciais.

A propia Lagarde sinalou a medios locais que ten previsto continuar coas súas funcións á fronte do FMI.

Lagarde declarou onte, martes, durante 15 horas ante a Corte de Xustiza da República, instancia habilitada para xulgar aos ministros por delitos cometidos durante a súa estancia no Goberno, que xa interrogou á exministra en catro ocasións. Con todo, ata agora non dera o paso de imputala e mantíñase co status de ''testemuña asistida".

A partir de agora, Lagarde deu un paso máis na súa implicación nesta investigación, que persegue determinar se houbo corrupción na atribución dunha indemnización de 403 millóns de euros ao empresario Bernard Tapie en 2007 pola venda da empresa de equipamento deportivo Adidas nos anos 90.

Confiscada a Tapie, esa empresa foi vendida polo banco Crédit Lyonnais por un prezo moi inferior ao de mercado, segundo Tapie, que reclamaba ao Estado unha indemnización.

Tras anos de litixio, Lagarde, ministra de Economía no Goberno do conservador Nicolas Sarkozy entre 2007 e 2011, antes da súa chegada ao FMI, decidiu que fose unha arbitraxe privada o que fixase a indemnización.

O feito de que non fosen os tribunais os que calculasen o monto da indemnización provocou que se abrise unha investigación xudicial por presunta corrupción.

Cinco persoas foron acusadas neste sumario polos xuíces instrutores, entre eles o empresario e exministro Tapie -coñecido pola súa amizade con Sarkozy- e o anterior director do gabinete de Lagarde no departamento de Economía, Stéphane Richard, actual presidente do operador de telecomunicacións Orange

Comentarios