Indignación pola participación do capitán Schettino nun máster universitario

A participación do capitán do cruceiro Costa Concordia naufragado en xaneiro do 2012, o italiano Francesco Schettino, no seminario dun máster de Criminoloxía da Facultade de Medicina da Sapienza de Roma causou indignación en Italia.

Os medios de comunicación italianos fixéronse eco hoxe da intervención de Schettino o pasado 5 de xullo nun seminario titulado: Da escena do crime á investigación e organizado polo profesor que dirixe o máster, Vincenzo Maria Mastonardi.

O reitor da Universidade Sapienza, Luigi Frati, abriu un expediente ao profesor e avaliaranse posibles sancións disciplinarias, aínda que aclarou que a participación foi por videoconferencia, non se produciu na sede universitaria senón nun local da Aeronáutica de Roma e tratouse dunha decisión persoal de Mastonardi.

"A participación de Schettino é unha iniciativa autónoma e indigna dun profesor. A liberdade académica non pode ser irresponsable", afirmou o reitor nun comunicado. Pola súa banda, a ministra de Educación italiana, Stefania Giannini, cualificou de "desconcertante" a participación do comandante neste seminario.

Schettino afronta na actualidade un xuízo polo naufraxio do cruceiro fronte á illa do Giglio no que morreron 32 persoas e debe responder ás acusacións de homicidio culposo múltiple, abandono da nave, naufraxio e de non informar inmediatamente ás autoridades portuarias da colisión contra o escollo que provocou a traxedia.

Segundo o programa do seminario, a última xornada dedicouse ao xornalismo de investigación coa participación de varios xornalistas e despois pasouse a analizar o naufraxio da Costa Concordia. Os medios de comunicación explican que segundo algúns asistentes, Schettino interveu por videoconferencia durante 15 minutos para dar a súa versión sobre o ocorrido na noite do 13 de xaneiro e despois participou nun debate.

O diario La Nazione sinala ademais que Schettino tamén falou sobre "a xestión do control do pánico" en momentos de crise. Sobre este tema, o reitor da Sapienza recordou como Schettino está acusado de abandonar o barco mentres centos de persoas aínda estaban atrapadas e que nunca regresou ao cruceiro a organizar as tarefas de evacuación a pesar das ordes da Capitanía de Porto.

"Unha universidade non pode dar visibilidade a esta persoa", resolveu o reitor, que denunciou que tampouco se dese oportunidade de falar a algunhas das vítimas dese naufraxio. Pola súa banda, o avogado do comandante, Domenico Pepe, dixo aos medios italianos que "o capitán Schettino é unha persoa capaz de xestionar situacións difíciles e de pánico como demostrou amplamente".

Comentarios