Juan o Español

Juan, o francotirador español que loita con Ucraína, fíxose famoso tras ser visitado por Zelenski no hospital
Juan, no hospital con Marcos Méndez. M.M.
photo_camera Juan, no hospital con Marcos Méndez. M.M.

Parecía unha tarefa imposible. Todos os fíxers cos que falamos dixéronnos que alí non entra un só xornalista. Arriscamos. Andrii, o meu compañeiro, falou e botou unhas risas cos gardas de fóra, explicoulles o que queriamos, que buscabamos falar con Juan, o militar español ferido. 

Varios nons —o esperado— pero a educación e a amabilidade parece que non hai porta que non abran. Ao final contactaron cun oficial, que volveu entrar falar con alguén máis e que volveu saír darlle a orde a un deses rapaces cos que rira Andrii de que nos escoltara até o cuarto de Juan o español. 

O hospital militar ten os seus anos. Corredores infinitos. Berros que saen dos cuartos. Homes tirados deitados nas camas con mellor e peor prognóstico, con máis ou menos extremidades, si, é así e así debo contalo. Ás portas do cuarto de Juan hai varias enfermeiras. Axiña o distingo polas tatuaxes. A súa imaxe fíxose famosa pola visita que recibiu o venres do presidente Zelenski, e por iso recoñecín a Juan. 

Estaba ao fondo dun cuarto de catro camas, sentado nunha cadeira, botado cara adiante e berrando de dor. Unha enfermeira estaba axeonllada facéndolle algo nun dos brazos. Operárano unhas horas antes, logo souben que era a décima operación en 12 días, e aínda tiña algo de dor. Agardamos un rato. Cando nos dixeron que xa podiamos pasar Juan quedou abraiado de oír un saúdo en español. "¿Molestamos?" "En absoluto, pasa, qué alegría oír a alguien en cristiano". Presenteime. Juan tiña ganas de falar, e de falar no seu idioma.

Juan ten 43 anos, naceu en Córdoba «por accidente» —di—, xa que a súa nai estaba alí de vacacións, e criouse entre Málaga e Madrid. Exmilitar en España, cando comezou a invasión rusa decidiu vir axudar, facendo o que sabe: é tirador selectivo, o que se coñece máis popularmente como francotirador, palabra que, según di, entre eles non usan. "Sniper?" pregúntolle, "Eso es". 

Juan o Español charla con Marcos Méndez no hospital. M.M
Juan o Español, no hospital. M.M

Tamén foi locutor de radio en Madrid, pero "con eso no ayudaba aquí". Di que se soubera de medicina viría curar xente, pero non é o seu. Foxe da palabra matar, asume que é o que fai, aínda que non lle gusta nadiña que lle pregunten canta xente matou. Isto, di, é a guerra, e cando tes diante o inimigo é el ou ti.

Cando chegou ao país non tiña ningún contacto, estivo uns días en Leópolis, onde formaban aos voluntario estranxeiros, pero decidiu marchar a Kiev para chegar antes ao campo de batalla, onde realmente se sinte útil. 

Juan asinou un contrato co Exército ucraíno, "un contrato por obra". É dicir, até que remate a guerra. Ascendérono a tenente e foi instrutor. Loitou en Irpin e Bucha. Basicamente o seu traballo alí foi chequear lugares, comprobar que foran seguros. Di que alí viu granadas deixadas en lugares tan macabros coma pelotas de fútbol ou carriños da compra. "¿Para que se deja una granada en una pelota de fútbol?", dime. 

De alí mandárono á fronte de Jerson. Amósame no teléfono o lugar exacto, "pero eso no lo cuentes, ¡eh!" Tampouco quere que diga o seu apelido, aínda que me amosa a foto do seu pasaporte, e moitas outras fotos e vídeos, máis ou menos fáciles de ver.

Juan é un tío agradable. Debo recoñecer o meu prexuízo, si, son prexuizoso, de feito cambiei na porta do cuarto de Juan a camisa rosa que levaba de Bob Esponja pola camisola sosa e cor crema do meu compañeiro, porque non me parecía axeitada para falar cun lexionario ferido. Logo de estar cinco minutos con el, decateime de que nos teriamos rido delo si llo chego contar. O primeiro que se lle vén a un a cabeza cando pensa nun exlexionario español que vén loitar de voluntario a Ucraína non é Juan.

Cando lle pregunto se lle podo conseguir algo deseguida di "pollo del Kentucky Fried"

Non sei o que vos virá a vós a cabeza —malditos prexuízos meus outra vez—, pero dende logo para min non era este rapaz gracioso e afable que me atopei. Un tipo que me conta como estivo horas agochado, con arredor de 20 rusos a poucos metros e no seu punto de mira, os que non podía disparar sen delatar a súa posición. "Sí, al primero y al segundo a lo mejor los abato, pero el siguiente soy yo". A posición que defendía na fronte de Jerson estaba a carón dun río. Dunha beira os rusos da outra eles. Un día tivo a tiro tres inimigos, estaban no río. Non saíron del. "Eso es lo que le contaba ayer al presidente cuando me grabaron". A visita de Zelenski tivo repercusión internacional. O presidente dixo que el mesmo, en persoa, o ía condecorar cunha medalla. Tiraron un selfie xuntos.

Pregúntolle polo ataque no que quedou ferido. "El accidente" como o chama el. Juan estaba pensando que almorzar cando a artillería entrou no cuarto no que se atopaba. "Nada de ver la vida en un segundo, yo lo vi todo a cámara súper lenta. Humo negro y rojo, y luego este dedo colgando, sangre por toda la mano, la pierna destrozada; probé, instintivamente a mover los dedos del pie, los movía. De aquí...", sinálame a parte interior do brazo, o bíceps, "empezó a salir un chorro de sangre, así como bombeado y ya no me acuerdo de más". Juan perdeu nese accidente un dedo, varias falanxes, parte dun muslo... Leva dez operacións, 6 só na perna "pero creo que aprovechan para hacerme algo también en la mano". Di que o tratan ben. Dime que non sabe que ha de facer cando lle dean a alta, se o volverán pór de instrutor, se o licenciarán ou se poderá seguir loitando. A España, polo momento non pode voltar, "tengo un contrato, sería traición". 

Cando lle pregunto se lle podo conseguir algo deseguida di "pollo del Kentucky Fried". Non foi problema. E se che pregunto onde che gustaría estar agora mesmo? "En la playa comiendo jamón y gambas". Juan dime que teña coidado, ofrécese a axudarme se teño algún problema co exército. 

Deixo na súa cama a este home gracioso e afable. Deixo nese cuarto moitos prexuízos. Segue sen gustarme nadiña ese oficio que exerce, iso non mudou, pero o que conto nestas liñas é a historia de Juan o español, non a de Juan o tirador selectivo, por moito que sexan a mesma persoa.