Non hai probas dabondo para imputar ao presidente de Sudán por xenocida

O fiscal xefe do TPI --Tribunal Penal Internacional--, Luís Moreno Ocampo, apelou a decisión dos xuíces de non acusar o presidente de Sudán, Omar Hassan al Bashir, de xenocidio polo conflito na rexión de Darfur.

O TPI emitiu o pasado marzo unha orde de arresto contra Al Bashir ao acusalo de crimes de guerra e contra a humanidade, pero xa entón anticiparon que non había probas suficientes que apoiasen os tres cargos por xenocidio que propuxera Moreno Ocampo. Desde que se emitiu a orde de detención, Al Bashir fixo varias viaxes ao estranxeiro en claro desafío ao TPI, pero sempre a países que non asinaron o Estatuto de Roma que supuxo a creación do tribunal.

A Unión Africana desenténdese das acusacións
Precisamente, o fiscal xefe atópase en Etiopía, onde se reunirá con responsables da Unión Africana (UA), organismo que declarou a semana pasada que ningún dos seus Estados membros axudaría a arrestar ao presidente sudanés porque a súa petición ao Consello de Seguridade da ONU de atrasar a orde de detención fora ignorada.

Moreno Ocampo explica na súa apelación entregada que a acusación presentou "probas detalladas sobre a mobilización e utilización do aparello do Estado sudanés ao completo co obxectivo de destruír unha gran parte dos grupos étnicos fur, masalit e zaghawa en toda a rexión de Darfur ao longo de máis de seis anos".

Al Bashir negou todas as acusacións e alegou que o Estado ten a responsabilidade de combater aos rebeldes que se alzaron en armas en Darfur no ano 2003. Desde entón, segundo cifras de Nacións Unidas, unhas 300.000 persoas morreron e máis de dous millóns víronse obrigadas a fuxir dos seus fogares.

Dentro de seis días, o vindeiro 14 de xullo, cumprirase un ano desde que Moreno Ocampo solicitou a orde de detención contra o presidente de Sudán, onde morreron máis de 300.000 persoas en cinco anos de conflito. É o terceiro xefe de Estado imputado polo TPI tras o serbio Slobodan Milosevic e o liberiano Charles Taylor, pero era a  primeira vez que o Tribunal actúa contra un presidente en activo. Desde Sudán, que non forma parte do TPI, non se recoñeceu en ningún momento a imputación.

A acusación contempla dez cargos: tres de xenocidio, cinco de crimes de lesa humanidade e dous cargos de crimes de guerra, incluíndo tortura, asasinatos, acoso e dano psicolóxico e violación.

Decisión en mans dos xuíces
O fiscal afirmou entón que as autoridades xudiciais sudanesas "non realizan ningunha investigación sobre estes crimes", o cal é unha norma para que un caso sexa elevado a unha Corte internacional. Moreno Ocampo presentoulles aos xuíces o resultado da súa segunda investigación en Darfur.

Pero segundo as normas de funcionamento da Corte, baseadas no Estatuto de Roma, a decisión de emitir unha orde de arresto quedaba nas mans dos xuíces. Finalmente, foi ditada en marzo do 2009.

Sudán, a maior nación do continente africano, sofre múltiples divisións relixiosas, étnicas e socio-económicas, acentuadas polas loitas para apropiarse as riquezas naturais, desde que no 1978 se descubrise petróleo ao sur do país.

Comentarios