A democracia cambaléase en Guinea Bissau ante un posible golpe de estado

A situación política é ''incerta'' en Guinea Bissau, tras o intento dun grupo de militares de destituír ao primeiro ministro, que se negou a presentar a súa dimisión, e de que un coronel do Exército se autoproclamara xefe do Estado Maior Central, segundo informou a oficina da ONU en Bissau. Horas despois, o presidente do país, Malam Bacai Sanha, afirmou que ''a situación está baixo control''.

Valdimir Montero, portavoz de Nacións Unidas en Bissau, dixo que un grupo de militares detivo ás 11.30 hora local (10.30 GMT) ao primeiro ministro, Carlos Gomes Junior, levárono ao seu despacho e esixíronlle a súa dimisión, que se negou a presentar, mentres o coronel Antonio Indjai, se autoproclamaba xefe do Estado Maior Central. Este mesmo portavoz sinalou que Sanha mantivo unha reunión con Indjai e ''agora estamos a ver que sucede con (o almirante José Zamora) Induta'', xefe do Estado Maior Central das Forzas Armadas, que está detido, xunto con outros 40 oficiais, polos militares amotinados.

Gomes Junior foi trasladado posteriormente ao seu domicilio, onde se ignora cal é a súa situación, e, en conversación telefónica desde Bissau, Montero recoñeceu que se teme'' que poida ser o principio dun novo golpe de estado.

Militares narcotraficantes
Os feitos producíronse minutos despois de que o almirante Bubo Na Tchuto, ex xefe do Estado Maior da Armada, acusado de intentar dar un golpe de estado contra o asasinado presidente Joao Bernardo Vieira, abandonase, acompañado por militares, a sede da ONU en Bissau, onde estaba refuxiado desde hai varios meses. Tchuto, que está acusado de colaborar con narcotraficantes suramericanos no traslado de cocaína cara a Europa, fuxiu a Gambia tras ser acusado de intentar matar a Vieira en 2008, pero regresou hai poucos meses para refuxiarse na oficina da ONU en Bissau.

O coronel Indjai, subxefe do Estado Maior Central, proclamouse xefe dese órgano militar tras separar do cargo ao almirante Zamora Induta, mentres na cidade de Bissau, segundo explicou Montero, un milleiro de persoas manifestábanse en contra dun eventual golpe de estado e en favor de Gomes Junior. Ante esta manifestación, Indjai prohibiu calquera tipo de concentración na rúa e ameazou con disparar contra quen se manifesten.

Logo das ameazas de Indjai, ''hai poucas xentes nas rúas e as tendas están pechadas, mentres a situación é incerta'', reiterou Montero.

Outra fonte da ONU en Bissau, que pediu non ser identificada, dixo que tras estes movementos dos militares ''está o problema do tráfico de drogas en Guinea Bissau, que se converteu nun narcoestado onde se enfrontan varias bandas que controlan a distintos grupos de militares''. Desde hai varios anos, Guinea Bissau e outros países de África occidental convertéronse en plataformas de paso cara a Europa da cocaína producida en América do Sur, segundo sinalou Oficina da ONU contra a Droga e o Delito (ONUDD).

Guinea Bissau celebrou eleccións presidenciais en xullo de 2009, catro meses despois de que o presidente Vieira morrese tiroteado por un grupo de soldados, aparentemente en vinganza pola morte -o día anterior nun atentado con coche bomba- do xefe do Estado Maior das Forzas Armadas, xeral Tagme Na Wai. As eleccións gañounas Sanha, quen mantivo como primeiro ministro a Gomes Junior, que xa ocupaba o cargo con Vieira.

Comentarios