As autoridades confirman a desaparición de dous españois no naufraxio

As autoridades de Indonesia confirmaron hoxe a desaparición de dous españois no naufraxio ocorrido o pasado sábado dun cruceiro con 25 turistas e tripulantes, no sueste do arquipélago.

O portavoz da Axencia Nacional de Mitigación de Desastres indonesia, Sutopo Purwo Nugroho, indicou na súa conta de Twitter que se trata de dous homes.

O resto dos ocupantes do barco, incluída unha parella española, foron rescatados entre o sábado e o domingo pola noite no medio do mar, preto dunha illa deshabitada á que algúns conseguiron chegar a nado.

A embarcación partiu o pasado xoves da illa de Lombok cara á de Komodo e afundiuse na madrugada do sábado, despois de que se parase o motor e o forte vento e as ondas empuxasen o barco sobre un arrecife.

Os dous españois rescatados son unha parella que "no medio do frío, a fame, as cambras, as medusas e o cansazo nunca chegou a perder a esperanza do todo", segundo declarou un deles, Rafael Martínez, a Efe por teléfono desde a illa de Sumbawa.

Era "un barco de madeira moi antigo, sen ningunha seguridade, sen GPS, nin radio nin ningún instrumento de navegación", relatou Martínez, xornalista da axencia EFE.

"O primeiro día", recordou, "o barco encallou nun arrecife de coral, tras cinco horas; un segundo barco sacounos e puidemos continuar". O incidente sucedeu cando só levaban seis horas de viaxe e deixou certa inquietude entre os 20 turistas de diferentes nacionalidades que viaxaban a bordo, que durmían e tiñan todas as súas pertenzas en cuberta.

Ao día seguinte, o barco empezou a zozobrar e a tripulación lanzou un bote de urxencia con capacidade para só catro persoas, polo que a maioría tivo que agarrarse como puido aos bordos para manterse á boia cos chalecos salvavidas, segundo un dos sobreviventes.

Tras varias horas no mar, un primeiro grupo de cinco decide ao mediodía do sábado saír cara a unha illa volcánica próxima á que logran chegar tras cubrir cinco quilómetros a nado.

Máis adiante formouse un segundo grupo no que ía Martínez e a súa compañeira, aínda que foron rescatados por unha embarcación con mergulladores que pasaba polo lugar antes de chegar á illa.

Do resto dos náufragos, trece foron recollidos por uns pescadores preto da illa de Sumbawa, onde foron trasladados e atendidos no hospital local, mentres que dous homes españois continúan desaparecidos. En total ían no barco sinistrado catro españois, cinco indonesios, tres holandeses, tres italianos, catro alemáns, dúas inglesas, dous neozelandeses, unha holandesa e un francés.

Comentarios