Un libro asegura que Trump propuxo mandar a Guantánamo a enfermos de covid-19

Xornalistas do Washington Post fan un percorrido pola xestión da pandemia por parte da administración Trump
Donald Trump.  PAUL HENNESSY (Europa Press)
photo_camera Donald Trump. PAUL HENNESSY (Europa Press)

Un novo libro escrito por dous xornalistas do diario Washington Post asegura que, a principios de 2020, o entón presidente de EE UU, Donald Trump, propuxo mandar á base naval de Guantánamo aos estadounidenses enfermos de covid-19 que regresaban de facer turismo en Asia.

Segundo os autores, Yasmeen Abutaleb e Damian Paletta, o exmandatario suxeriría a idea ata dúas veces en febreiro do ano pasado, cando a Organización Mundial da Saúde aínda non declarara a situación de pandemia e os casos coñecidos de coronavirus concentrábanse no continente asiático.

"¿Non temos en propiedade algunha illa?¿Por que non a Guantánamo? Nós importamos bens, non imos importar un virus", diría Trump durante unha reunión na sala de crise da Casa Branca coas súas máis próximos colaboradores e funcionarios de alto rango.

Os dous xornalistas do Post recrean no seu libro esta situación a partir de entrevistas con máis de 180 persoas, algunhas delas altos cargos do Goberno estadounidense e responsables sanitarios.

Segundo a versión do libro, o resto de persoas presentes na sala reaccionaron "estupefactos" á idea do entón presidente e deixárona correr, preocupados polo rexeitamento que xeraría pór en corentena a turistas de EE UU na mesma base caribeña en que o país reclúe aos sospeitosos de terrorismo".

O libro, titulado Escenario de pesadelo: dentro da resposta da Administración Trump a unha pandemia que cambiou a historia, relata, ademais deste episodio, un proceso de toma de decisións "caótico e a miúdo chafalleiro" na Casa Branca, cargado de loitas "polo poder".

O Washington Post foi un dos grandes diarios de EE UU que máis críticos se mostraron con Trump ao longo do seu mandato e especialmente en relación á súa xestión da pandemia, e desde que o republicano non ocupa a Casa Branca, a súa audiencia en internet baixou considerablemente, segundo as cifras mensuais publicadas polo propio xornal.

Na base naval de Guantánamo (Cuba) tanolo quedan 40 dos preto de 800 reclusos que chegou a albergar tras a súa apertura en 2002 ordenada polo entón presidente de EE UU, George W. Bush, en resposta aos atentados do 11 de setembro de 2001. 

Comentarios