Polo menos 47 mortos no naufraxio dun ferri no lago Vitoria

Outras 40 persoas foron rescatadas con vida

Polo menos 47 persoas morreron este xoves no naufraxio dun ferri no lago Vitoria, na parte noroccidental de Tanzania, pero non se descarta que a cifra de vítimas aumente xa que decenas de persoas continúan desaparecidas.

Segundo difundiu a televisión local ITV, os servizos de urxencia recuperaron xa 47 cadáveres mentres que a cifra de rescatados con vida ascende a 40.

Descoñécese cantas persoas viaxaban na embarcación, chamada Mv. Nyerere, xa que, aínda que a nave tiña unha capacidade oficial para unhas cen persoas —máis vinte e cinco toneladas de equipaxe e espazo para vehículos pequenos—, especúlase con que transportaba a máis do dobre de pasaxeiros.

O barco está operado pola Axencia de Servizos Electrónicos e Electromecánicos (EMESA) e afundiuse mentres cubría o percorrido entre a península de Ukerewe e a illa de Ukora, en pártea sur do lago Vitoria, o máis grande de África.

O turístico lago, rodeado por Uganda, Tanzania e Kenia, é escenario de múltiples accidentes e cada ano centos de pescadores morren en naufraxios provocados polas fortes tormentas, segundo medios locais.