Polo menos vinte feridos en Roma ao esborrallarse unha escaleira mecánica no metro

A maioría das vítimas son de nacionalidade rusa e atoparíanse na capital italiana para asistir ao partido entre o Roma e o Cska de Moscova

Polo menos vinte persoas resultaron feridas, unha delas está en estado grave, tras virse abaixo unha escaleira mecánica no metro de Roma, segundo informaron este martes os medios italianos.

O suceso ocorreu na estación de metro de República, preto da estación de Roma Termini.

A maioría dos feridos son de nacionalidade rusa e atoparíanse na capital italiana para asistir ao partido deste martes da fase de grupos entre o Roma e o Cska de Moscova, segundo as mesmas informacións.

Á zona trasladáronse equipos de urxencia, Policía e membros do corpo de Bombeiros, confirmaron os Bombeiros no seu perfil da rede social Twitter.

A maioría dos afectados presenta feridas as pernas e a persoa que está grave foi trasladada a un hospital con danos importantes nun pé. Hai, ademais, polo menos sete persoas con fracturas e traumatismos que tamén foron ingresadas en centros hospitalarios da capital italiana.

A alcaldesa de Roma, Virginia Raggi, explicou nun vídeo publicado nas redes sociais que, conforme ás primeiras reconstrucións dos feitos e tras escoitar os testemuños de afectados, a escaleira afundiuse despois de que un grupo de xente bailase e saltase.

"Trataremos de comprender que ocorreu e estamos a disposición dos feridos e das familias", subliñou.

A Fiscalía de Roma abriu unha investigación para esclarecer os feitos. Tamén a entidade que xestiona o transporte de Roma, Atac, levará a cabo a súa propia instrución.