A metade da executiva de Syriza pide rexeitar o acordo coa troika

Considera que é "incompatible coas ideas e os principios da esquerda e sobre todo co que necesitan as clases máis pobres"

Máis da metade dos membros do comité central do esquerdista Syriza, o partido do primeiro ministro de Grecia, Alexis Tsipras, pediron este mércores ao Goberno rexeitar o acordo asinado cos acredores por consideralo incompatible cos principios da esquerda e que non resolve os problemas do país.

Nunha declaración conxunta, asinada por 109 membros dos 200 do comité central do partido, sinalan que o acordo é "incompatible coas ideas e os principios da esquerda e sobre todo co que necesitan as clases máis pobres".

"Este acordo non pode ser aceptado polos militantes do partido", destacan os asinantes, que piden a convocatoria inmediata do comité central de Syriza.

O texto cualifica o acordo de "golpe de estado" e destaca que o seu obxectivo é a "exterminación exemplar dun pobo que tivo a ousadía de pensar que había outra vía posible a parte do modelo neoliberal da austeridade extrema".

Na reunión do grupo parlamentario de Syriza, que precedeu ao debate no pleno, Tsipras pediu aos deputados manter a unidade do partido nestes momentos "históricos", "difíciles" e "críticos", segundo indicaron fontes do Goberno.

Na súa intervención, o primeiro ministro afirmou que esgotara todas as posibilidades da negociación e examinara todas as alternativas e pediu aos que non estean de acordo que propoñan unha alternativa eficaz.

Nos últimos días varios membros de Syriza, entre eles a presidenta do Parlamento, Zoé Konstandopulu, cualificaron a firma do acordo de "capitulación".

Este mércores a ministra adxunta de Finanzas, Nadia Valavani, presentou a súa dimisión por non poder apoiar as condicións vinculadas ao novo rescate.

Tamén anunciaron a súa dimisión o secretario xeral de Seguridade Social, Yorgos Romaniás, e o secretario xeral de Economía, Mans Manusakis.

Entre os ministros disidentes que, en cambio, se negan a dimitir figura o de Enerxía, Panayotis Lafazanis, quen volveu recalcar este mércores que non vai apoiar o acordo pero que non pensa dimitir.

En declaracións aos medios antes de entrar no Parlamento, Lafazanis afirmou que "apoiamos ao Goberno, pero non imos votar as medidas", aínda que engadiu que a "unidade" de Syriza "non está en perigo".

Comentarios