O ministro de Defensa de Colombia renuncia tras un bombardeo con oito menores mortos

Un senador denunciou que as autoridades ocultaron durante dous meses a operación militar contra disidentes das FARC, que causou conmoción no país
Guillermo Botero, con la cúpula militar colombiana. EFE
photo_camera Guillermo Botero, coa cúpula militar colombiana. EFE

O ministro de Defensa de Colombia, Guillermo Botero, presentou este mércores a súa renuncia tras desvelarse que polo menos oito menores morreron nun bombardeo militar contra un campamento dun grupo disidente das FARC.

"O día de hoxe en reunión co señor presidente da República para analizar a actual conxuntura política, acordouse que o máis conveniente era presentar renuncia ao cargo de ministro de Defensa Nacional", reza un comunicado oficial do seu despacho.

A masacre no departamento colombiano do Caquetá, ocultada durante dous meses polas autoridades e revelada por un senador, custou a vida polo menos 14 persoas e causou conmoción no país. A denuncia fíxoa o martes Roy Barreras, senador do Partido da Unidade Nacional que foi sustento do goberno de Juan Manuel Santos, durante un debate de moción de censura contra Botero, a quen acusou de ocultar aos colombianos que nunha operación militar en setembro pasado "bombardeou nenos".

Tan grave é a acusación que o director executivo para as Américas da ONG Human Rights Watch, José Miguel Vivanco, pediu ao ministro "unha resposta seria aos colombianos sobre esta denuncia". "A Fiscalía debe iniciar unha investigación para determinar se o Exército lanzou un ataque a pesar de que podía prever que mortes de civís serían excesivas", dixo en Twitter. 

En resposta ás acusacións, Botero asegurou este mércores que "todas as operacións militares están precedidas dunha fase denominada proceso militar de toma de decisións". Esa figura, detallou, implementouse en todas as Forzas Militares desde 2008 "por mandato da política integral de dereitos humanos e do dereito internacional humanitario do Ministerio de Defensa", polo que cualificou a denuncia do congresista como "terxiversada" e "especulativa"

Na carta divulgada unhas horas despois para comunicar a súa renuncia, o ministro non fai mención ao caso desvelado por Barreiras e confirmado pola Fiscalía e expón que "o inimigo de Colombia é o narcotráfico". "Máis coca é menos paz, máis coca é menos vida, máis coca é menos bosque, máis coca é menos mocidade, máis coca é menos traballo, máis coca é menos empresa, máis coca é menos democracia", asegura na misiva, sen referencias ao bombardeo. 

Comentarios