A muller que decapitou unha nena en Moscova di que vingou os ataques rusos en Siria

Os investigadores cren que, a pesar da súa desorde psicolóxica, actuou instigada por alguén

Os investigadores rusos cren que a muller que o pasado luns asasinou, decapitou e paseou a cabeza dunha nena preto dunha estación de metro en Moscova actuou instigada por outras persoas ás que se está buscando. ela, con todo, declara que llo ordenou Alá e publicou un vídeo no que argumenta que a súa acción foi unha resposta aos ataques de Putin en Siria.

Gulchejrá Bobokúlova, unha uzbeka de 39 anos que traballaba como aia da pequena de catro anos á que asasinou supostamente, recoñeceu o crime, pero sinalou que "Alá ordenoumo" e declarouse arrepentida.

"A sospeitosa do asasinato da nena foi examinada por un psiquiatra logo de ser detida, quen determinou que a muller se atopaba nun estado de grave desorde psicolóxica", sinalou a axencia Tass.

Segundo informou o Comité de Investigación, este venres 4 presentarase a acusación formal por asasinato contra a muller.

Bobokúlova foi detida xunto á estación de metro de Oktiabrskoye Pole (noroeste de Moscova), onde paseara levando na man a cabeza cortada da pequena Nastia, de catro anos. A muller exhibiu a cabeza da súa vítima gritando "son unha terrorista" e "Allahu Akbar" (Deus é grande), ademais doutras frases como "odio a democracia".

Segundo a investigación, Bobokúlova, que levaba tres anos traballando coa familia da pequena Nastia, pouco antes asasinara á nena e incendiado o apartamento cando os pais saíron da casa co seu fillo maior.

Os moscovitas encheron de flores e xoguetes o lugar onde tivo lugar o macabro paseo e a detención da muller, que podería ser instigada por outros a actuar.

Comentarios