Notre Dame de París, unha obra de arte que inspirou a literatos e artistas

Durante os seus oito séculos de historia, a súa influencia na arte foi fundamental

Catedral de Notre Dame de París. YOAN VALAT (EFE)
photo_camera Catedral de Notre Dáme de París. YOAN VALAT (EFE)

A catedral Notre Dame de París, devastada este luns pola tarde polas chamas, non só é en si unha das grandes xoias da arquitectura gótica, senón que inspirou a escritores e artistas durante os seus oito séculos e medio de historia.

O creador que probablemente máis contribuíu a consagrala como un dos símbolos da capital francesa é Victor Hugo co seu libro Notre Dame de Paris publicado en 1831, que dignificou o edificio máis aló da súa dimensión relixiosa, que a puxo en perigo durante a fase máis convulsa da Revolución Francesa.

Neses tempos de anticlericalismo, a pillaxe afectou en particular á galería dos reis. Víctor Hugo, en particular co seu personaxe do xorobado, inmortalizou o perfil dunha catedral que foi o escenario de múltiples adaptacións cinematográficas desa obra literaria, incluso pola "fábrica dos soños" de Disney.

Unha da máis coñecidas desas adaptacións para a gran pantalla foi a de Jean Delannoy en 1956, que contou con dous actores de excepción: Gina Lollobrigida no papel de Esmeralda e Anthony Quinn como Quasimodo.

A magnificencia do interior do edifico tamén quedou na memoria colectiva grazas aos pinceis de Jacques Louis David, que pintou en grandes dimensións (629 x 979 centímetros) A consagración de Napoleón.

David servía así a ambición de Napoleón que conseguira tomar o control das rendas da Revolución Francesa e escenificou o seu poder facéndose coroar alí o 2 de decembro de 1804.

Medio século máis tarde, o arquitecto Eugène Viollet le Duc encargouse en 1859 da reconstrución da agulla de Notre Dáme, que quedara varias veces destruída ao longo da historia, e que tamén foi pasto das chamas este luns. Desde o comezo da súa historia, a catedral albergou obras de arte, como unha serie de cadros chamados os Mays encargados entre 1630 e 1707 pola corporación dos ourives de París para ofrecelas na primavera en honra da Virxe María.

Entre as pezas que tampouco puideron ser extraídas polos bombeiros están os tres órganos, elementos fundamentais da liturxia. O maior de todos, con cinco teclados e preto de 8.000 tubos, considérase un dos máis soados do mundo.

Si que puido salvarse o que se coñece como o Tesouro de Notre Dáme, entre o que está a túnica de liño do rei San Luís, do século XIII. Na fachada occidental, o Pórtico do Xuízo é o máis fastuoso de todos. Instalado entre 1220 e 1230, representa o último xuízo segundo o Evanxeo de San Mateo.

Os tres rosetóns (dous deles cun diámetro de 12,90 metros) constitúen tamén algúns dos elementos máis paradigmáticos do edificio, xunto ao resto das vidreiras.

Comentarios