Catro pacientes trasplantados desenvolven cancro tras recibir órganos dun mesmo doante

Todos sufriron metástasis e tres deles faleceron

Trasplante de corazón. EP
photo_camera Transplante de corazón. EP

Catro persoas que recibiron órganos dun mesmo doante desenvolveron posteriormente cancro, un caso "extremadamente raro", segundo un estudo citado este mércores por medios estadounidenses. Riles, pulmóns, fígado e corazón foron extirpados da mesma persoa para ser implantados en catro receptores e todos eles terminaron padecendo tumores de mama tras a operación, segundo un informe do American Journal of Transplantation. Os catro enfermos sufriron metástasis, e tres deles faleceron.

O cuarto conseguiu sobrevivir despois de que os médicos tivesen que volver extirparlle un dos dous riles recibidos e tras ser sometido a múltiples tratamentos, incluída a quimioterapia.

A transmisión de cancro nos transplantes ocorre en 5 de cada 10.000 casos

A doante, de 53 anos, non tiña ningún problema médico recoñecido, nin sequera se observaba a existencia dun tumor maligno nestes órganos. Neste sentido, o autor do estudo e profesor de Nefroloxía na Universidade de Ámsterdam, Frederike Bemelman, cualificou este caso de extremadamente "raro", ao ser o primeiro que atopa en vinte anos de experiencia. "Sempre hai un pequeno risco (...). Tamén tes unha pequena probabilidade de que algo che suceda durante o proceso", comentou o experto.

A doante en cuestión morreu en 2007 dun golpe e despois do falecemento foi cando lle extirparon os órganos que logo serían trasplantados a outros pacientes.

A transmisión dunha neoplasia —cancro— por mor dun transplante de órgano é un "desgraciado" caso que ocorre de xeito "excepcional", dáse en 5 de cada 10.000 intervencións deste tipo e, na maioría dos casos, a tecnoloxía dispoñible non pode detectalo antes da doazón. Así o asegura a Efe a directora dos Servizos Médicos da Organización Internacional de Transplantes, Elisabeth Coll, quen dixo que "estes desgraciados casos suceden excepcionalmente, porque son imposibles de detectar con anterioridade", aínda que antes de proceder a un transplante de calquera órgano realízanse todas as probas posibles para poder descartar calquera transmisión neoplásica. 

Comentarios