A Policía local de Nashville (Tennessee, EE UU ) está a investigar unha explosión que sacudiu o centro da cidade á primeira hora da mañá deste venres, día de Nadal, e apuntou a que pode tratarse dun "acto intencionado".
"Isto parece ser un acto intencionado. As forzas de seguridade están a pechar as rúas mentres continúa a investigación", dixo na súa conta de Twitter o Departamento de Policía de Nashville.
A explosión ocorreu sobre as 06.30 hora local (12.30 GMT) e a Policía cre que un vehículo está involucrado no ocorrido.
Tres persoas resultaron feridas e foron transportadas a hospitais próximos, pero ningunha está en condición crítica, indicou nunha rolda de prensa o portavoz da Policía, Don Aaron.
Múltiples corpos de seguridade están a investigar o sucedido, incluída a Policía local, o corpo de bombeiros e a FBI.
Segundo televisións locais, cando se produciu a explosión, puidéronse ver chamas e fume negro no centro de Nashville, o corazón turístico da cidade que está repleto de bares, restaurantes e establecementos onde escoitar música en directo.
Cerca do centro de Nashville, hai tamén un museo dedicado a Johnny Cash, considerado o "rei da música country".
Nashville, capital do sureño estado de Tennessee, é coñecidah como Music City, USA (Cidade da Música) debido á súa importante industria discográfica.