Polo menos 55 mortos ao descarrilar un tren de pasaxeiros en Camerún

O convoi cubría a ruta entre Yaundé e Duala

Polo menos 55 persoas morreron e outras 575 resultaron feridas no centro de Camerún ao descarrilar este venres un tren de pasaxeiros que cubría a ruta entre Yaundé e Duala, segundo información do Ministerio de Transportes recollida pola Radiotelevisión Camerunesa.

Segundo a mesma fonte, 14 persoas permanecen atrapadas no interior dos vagóns, polo que o balance final de vítimas mortais podería aumentar nas próximas horas.

O sinistro produciuse ao redor das 11.00 hora local (10.00 GMT) preto da estación da localidade de Eseka, en cuxo hospital foron atendidos os feridos.

No tren —un Intercity que unía a capital política do país, Yaundé, coa capital económica, Duala— viaxaban entre 1.200 e 1.300 persoas.

A empresa ferroviaria estatal de Camerún, Camrail, non deu información ata o momento das causas do accidente, e fontes da compañía declararon á prensa local que é "demasiado pronto" para establecer o ocorrido.

Catro ministros do Goberno camerunés desprazáronse durante o día deste venres ao lugar da traxedia, e o presidente do país, Paul Biya, deu o pésame aos familiares dos falecidos, a quen prometeu asistencia e apoio.

O descarrilamento afectou á comunicación por vía terrestre entre as dúas principais cidades do país, e as autoridades traballan para ofrecer alternativas ao transporte entre estes dous puntos.

A compañía aérea nacional, Camair, programou varios voos extra entre Yaundé e Duala.

Comentarios