Reducida a dous anos a pena de inhabilitación de Berlusconi

O Tribunal de apelación de Milán reduciu hoxe de cinco a dous anos a pena de inhabilitación para o exercicio de cargo público á que fora condenado o ex primeiro ministro italiano Silvio Berlusconi por fraude fiscal no caso Mediaset.

Na audiencia de hoxe, os xuíces do Tribunal de apelación acolleron a petición da fiscal Laura Bertolè, quen determinou que a pena de inhabilitación que se tiña que aplicar era de dous anos.

O máximo período de inhabilitación que recolle a lei italiana por este tipo de delitos é dun a tres anos

Os avogados de Berlusconi, Niccolò Ghedini e Roberto Borgogno, pediran ao xuíz que se considerase a mínima pena de inhabilitación, un ano, visto que o político non ten antecedentes penais.

Agora os avogados de Berlusconi poderán recorrer de novo ao Supremo só este novo cálculo de inhabilitación para conseguir unha rebaixa.

Berlusconi foi condenado en firme polo caso Mediaset, no que xulgaba a compravenda de dereitos de transmisión de películas estadounidenses por valor de 470 millóns de euros por parte de Mediaset -o grupo audiovisual de Berlusconi- entre 1994 e 1999 cun suposto aumento artificial do prezo dos dereitos para evadir diñeiro ao fisco e desvialo a contas no estranxeiro.

Para que a condena poida ser aplicada necesítase a aprobación por parte do Parlamento xa que goza da inmunidade como senador.

O pasado 4 de outubro, a Xunta para as Eleccións e a Inmunidade do Senado italiano decidiu, por maioría, levar a cuestión da expulsión de Berlusconi ao pleno da Cámara alta, nunha data aínda por determinar.

Se o Parlamento aproba a expulsión de Berlusconi, este quedará inhabilitado por dous anos de calquera cargo público, así como estará en arresto domiciliario durante un ano co permiso para realizar traballos sociais, tal e como solicitaron os seus avogados.

Tras a petición dos traballos sociais, a experiencia é que neste tipo de casos o Tribunal de Vixilancia penal tarda preto de seis meses en ditaminar a súa decisión.

Comentarios