Reino Unido 'indulta' a miles de homosexuais que foron condenados por unha antiga lei

As relacións entre persoas do mesmo sexo foron consideradas delito en Inglaterra e Gales ata 1967, en Escocia ata 1980 e en Irlanda do Norte ata 1982

O Goberno do Reino Unido concedeu o indulto e un perdón póstumo a miles de homes condenados neste país no pasado por ser homosexuais ou bisexuais, confirmou este martes o ministro de Xustiza e Interior, Sam Gyimah.

"Hoxe é un día verdadeiramente transcendental", asegurou Gyimah, ao celebrar a entrada en vigor da chamada Lei de Turing, bautizada así en honra a Alan Turing (1912-1954), o matemático británico que axudou a descifrar os códigos dos segredos nazis durante a II Guerra Mundial.

Turing foi condenado por indecencia grave tras manter relacións cun home de 19 anos, en 1952, máis tarde foi castrado químicamente e suicidouse con cianuro en 1954.

LEI. A nova lexislación permitiu a Londres conceder indultos formais aos que foron condenados por manter relacións homosexuais consentidas no Reino Unido, unha cifra que rolda as 49.000 persoas.

Así mesmo, Londres concedeu un perdón estatutario a aqueles condenados que aínda están vivos para que as súas fichas policiais sexan eliminadas.

O Executivo británico anunciou o pasado ano a introdución desta lexislación, que oficialmente leva o nome de Lei Policial e Criminal e que entrou este martes en vigor tras recibir a rúbrica da raíña Isabel II.

"Nunca poderemos desfacer o dano causado, pero pedimos perdón e tomamos medidas para corrixir eses erros", destacou Gyimah.

DEREITOS. A organización de defensa dos dereitos dos homosexuais Stonewall tamén aplaudiu o paso dado polo Goberno británico e considerou que se trata dun "fito importante" para asegurar a igualdade ante a lei.

Manter relacións homosexuais foi considerado delito en Inglaterra e Gales ata 1967, en Escocia ata 1980 e en Irlanda do Norte ata 1982.

En 2013, a raíña Isabel II concedeu o perdón ao matemático Turing, pero aínda así se iniciou un movemento, que levou o seu nome, para pedir que este indulto se aplicase a todas as persoas que foron condenadas pola súa orientación sexual.

Nesta campaña implicouse, entre outros, o actor británico Benedict Cumberbatch, quen encarnou ao matemático na película The Imitation Game (2014).

Ao xesto da monarca precedeulle a desculpa ofrecida en 2009 polo entón primeiro ministro laborista Gordon Brown polo trato dado a Turing, convertido en símbolo da loita polos dereitos dos homosexuais.