Retiran do mercado varios produtos de Kinder por sospeitas de salmonela

As chocolatinas, fabricadas en Bélxica, foron apartadas en Francia tras un brote de 21 casos
Kinder Sorpresa. EUROPA PRESS
photo_camera Kinder Sorpresa. EUROPA PRESS

Diversos produtos de chocolate da marca Kinder fabricados en Bélxica foron retirados do mercado francés ante as sospeitas de que poidan ser os causantes de 21 casos de salmonela que se identificaron no país, oito dos cales necesitaron unha hospitalización.

A Dirección Xeral de Sanidade de Francia (DGS) explicou este martes nun comunicado que as súas investigacións puxeron en evidencia que os 15 enfermos que foron interrogados ata agora contaron consumir nos días anteriores á manifestación dos síntomas da intoxicación algún dos produtos Ferrero designados.

Trátase de Kinder Surprise en formato de 20 gramos; Kinder Schoko-Bons con datas de caducidade entre finais de abril e finais de agosto; Kinder Happy Moment e Kinder Mix con datas de caducidade a finais de agosto en diferentes formatos.

Todos eses chocolates fabricáronse na mesma factoría de Ferrero na cidade belga de Arlon.

Os casos de salmonela localizados en Francia e potencialmente vinculados ao seu consumo -cunha idade mediana de catro anos- teñen a mesma cepa en termos xenéticos que a responsable dunha epidemia no Reino Unido e en Irlanda asociada igualmente a certos produtos Kinder, sinalou a DGS.

Comentarios