Salva Kiir ordena o cese inmediato das hostilidades en Sudán do Sur

O acordo de paz asinado entre o presidente e as forzas opositoras rompeuse este xoves, momento no que comezou o conflito armado

O presidente de Sudán do Sur ordenou este luns un "cesamento das hostilidades con efecto inmediato" entre as súas forzas leais e as do vicepresidente e líder opositor, Riek Machar, que desde o xoves provocaron a morte de case 300 persoas, anunciou o Ministro de Información, Michael Makuei.

Así mesmo "todos os comandantes situados nos postos de control da cidade de Yuba deben reducir e limitar os citados postos de control ás institucións esenciais e importantes", engadiu. Unha vez finalizou de ler o documento, Makuei chamou "ás forzas regulares" a volver ás súas respectivas unidades.

O acordo prevé que as forzas leais aos dous dirixentes políticos se integren no exército sursudanés

"Calquera soldado ou membro das forzas regulares que sexa atopado co seu fusil sen comunicarllo á súa unidade será arrestado e tomaranse accións inmediatas contra el", agregou o ministro. Pediu tamén "a todos os cidadáns volver aos seus fogares para que comecen coa súa vida de forma normal" xa que "a situación (de violencia) finalizou".

Os esporádicos combates renováronse en varios puntos da cidade, tras unha noite de relativa calma. Desde o pasado xoves, máis de 269 persoas faleceron nos choques protagonizados entre forzas gobernamentais e opositoras. 

O Goberno de Kiir e a oposición de Machar alcanzara un acordo de paz en agosto de 2015 e formaron un executivo de unidade nacional o pasado abril. O acordo prevé que as forzas leais aos dous dirixentes políticos se integren no exército sursudanés. O conflito entre ambos estalou en decembro de 2013, cando Kiir, da etnia dinka, denunciou un suposto intento de golpe de estado encabezado polo seu vicepresidente Machar, dos nuer.

Desde a independencia de Sudán, que antonte cumpriu cinco anos, Sudán do Sur viviu unha situación política inestable, que se viu exacerbada co inicio do conflito interno en 2013.