Sarkozy declara, baixo arresto, polo financiamento da súa campaña en 2007

A súa comparecencia podería prolongarse 48 horas antes de ser trasladado ante un xuíz

Nicolas Sarkozy. EFE
photo_camera Nicolas Sarkozy. EFE

O expresidente francés Nicolas Sarkozy está a declarar este martes, baixo arresto, pola investigación xudicial aberta por un posible financiamento ilegal da campaña para a súa elección en 2007, informou Le Monde.

O diario explicou que Sarkozy fora convocado na Policía Xudicial de Nanterre, nos arredores de París, para explicarse sobre os fondos para esa campaña, e que a súa comparecencia podería prolongarse 48 horas antes de ser presentado a un xuíz para a súa eventual inculpación.

O procedemento xudicial tivo a súa orixe nun documento libio, publicado en maio de 2012 polo sitio de información Médiapart, no que se daba conta de que o ex xefe do Estado francés recibira diñeiro de Gadafi. En novembro de 2016, o empresario e intermediario Ziad Takieddine afirmou levar cinco millóns de euros en efectivo entre finais de 2006 e comezos de 2007 de Trípoli a París que entregou a Claude Géant e a Nicolas Sarkozy, que era entón ministro de Interior.

Unhas alegacións que viñan confirmar as de Abdallah Senoussi, antigo responsable dos servizos de información militares do réxime do derrocado líder libio en setembro de 2012 ante un fiscal no seu propio país na mesma liña. Ademais, a xustiza francesa recuperou a axenda do que fora ministro do Petróleo de Gadafi, Choukri Ghanem, morto en 2012 en turbias circunstancias, onde aparecían mencionados pagos de diñeiro a Sarkozy.

Un antigo colaborador do líder libio que se encargaba das relacións con Francia, Bechir Saleh, tamén asegurou a Le Monde que Gadafi dixo que "financiara a Sarkozy". Un dos xuíces que dirixe esta investigación, Serge Tournaire, é o mesmo que o inculpou noutro sumario, nese caso polos fondos para a campaña de 2012 na que non foi elixido.

Segundo Le Monde, a declaración baixo arresto do presidente de Francia entre 2007 e 2012 significa que os maxistrados consideran ter probas suficientes para inculpalo. Entre outras cousas, porque antigos dignatarios do réxime de Gadafi achegaron elementos que veñen confirmar as sospeitas.

Sarkozy denunciou sempre esas acusacións, que atribuíu a manipulacións e a un ensañamento contra el.

Comentarios