Sudán do Sur busca a súa soberanía co ouro negro como esperanza

Logo de 22 anos dunha das máis cruentas guerras civís do século XX, Sudán vive un momento histórico coa celebración do referendo plasmado nos acordos de paz de 2005 e do que con case total probabilidade sairá un novo -e pobre- estado coa independencia do Sur. Desde o día 9 e ata o vindeiro sábado catro millóns de votantes están chamados ás urnas, e xa o fan entre mostras de xúbilo e novas bandeiras ondeantes, e coa a esperanza de que a audeterminación termine coa pobreza nunha das rexións máis míseras do mundo.

E é que o que ata agora era o país máis grande do Continente Negro, independente do Reino Unido desde 1956, padece tamén a clásica dicotomía das economías colonizadas. Aínda que se trata dunha das zonas de África que máis petróleo gorece no seu subsolo, Sudán ocupa o posto 154 entre os 169 estados que computa a Onu no seu Índice de Desenvolvemento Humano.

Curiosamente, o futuro Estado que sairá do referendo posúe máis do 75% das reservas petrolíferas de Sudán, aínda que os acordos de 2005, nos que recibiu a autonomía o Sur vilipendiado e máximo provedor histórico de escravos para o norte, establecen que os beneficios obtidos repartiranse entre ambos. Tradicionalmente, a rexión meridional foi a máis pobre, cun maior índice de analfabetismo e desamparada de recursos para facer medrar economía, educación e infraestruturas.

A repartición do beneficio e as rexións fronteirizas
A maior incerteza radica, precisamente, neste aspecto, a repartición dos beneficios do ouro negro. O ministro de Exteriores do Goberno do sur xa avisou aos socios chineses, principais compradores do seu petróleo, de que deberían renegociar as condicións do negocio. Outra das dúbidas pasa por saber que ocorrerá coas rexións limítrofes, como a de Abyui, que pospuxo o seu plebiscito para saber a quen se adhire, se ao norte ou ao sur. Non en balde, a segunda xornada de referendo saldouse nesta rexión petroleira con máis de 10 mortos nos enfrontamentos tribais entre os misseryia, musulmáns e partidarios do norte, e os dinka, etnia nilótica próxima ao sur.

Así, o problema non parece o Goberno de Xartum, desde onde o controvertido presidente Omar al Bashir anunciou que non van pór resistencia ante a autodeterminación sureña. O país non podería soportar outra guerra máis logo de sesenta anos de conflito cunha única tregua de 11 anos entre a primeira guerra civil (1955-1972) e a segunda (1983-2005). Bashir, considerado como o responsable de atroces crimes no conflito de Darfur, ao oeste do país, conserva o poder desde que un golpe de estado o catapultou en 1989, momento no que disolveu o Parlamento e aplicou unha severa censura da prensa que aínda persiste.

Regreso constante de refuxiados de guerra
Entre tanto, Sudán do Sur vive o regreso de miles de refuxiados ao día. Concretamente, a Onu calcula que son 2.000 persoas as que viaxan cada xornada á rexión meridional e, en especial, a súa capital Juba. Moitas delas veñen de Xartum, outras moitas fano desde a veciña Kenia, onde habitan 15.000 dos 60.000 sudaneses do sur que teñen dereito a voto desde o estranxeiro.

Así as cousas, se se chega ao 60% de participación requirido para que o referendo teña validez, Sudán do Sur podería alcanzar a súa independencia o 9 de xullo próximo, tras resolver todos os trámites necesarios. Converteríase no 53º estado de África, nun novo país en vías de desenvolvemento cuxos primeiros obxectivos pasan por erradicar a pobreza e a miseria xerada tras anos de sangría imperialista, primeiro, e intrafronteiriza, despois.

Comentarios