A UE suspende todas as operacións do Boeing 737 MAX en Europa por precaución

En España non hai aerolíneas nacionais que operen voos con este modelo

Vista de tres aviones de pasajeros modelo Boeing 737 Max 8. EFE
photo_camera Vista de tres avións de pasaxeiros modelo Boeing 737 Max 8. EFE

A Axencia Europea de Seguridade Aérea (EASA, polas súas siglas en inglés) anunciou este martes que "suspende todas as operacións de todos os avións Boeing modelo 737-8 MAX e 737-9 MAX en Europa, como medida de precaución ata que se aclaren as circunstancias do sinistro dun aparello de Ethiopian Airlines.  "A seguridade aérea é a nosa prioridade número un e a Unión Europea está a dar todos os pasos para garantir a seguridade dos seus pasaxeiros", escribiu na súa conta oficial de Twitter a comisaria de Transportes, Violeta Bulc. 

A medida aplicarase desde esta tarde e afectará tamén aos voos operados por compañías de terceiros países cuxas rutas teña saída ou destino nun aeroporto da Unión Europea. 

O accidente aéreo do pasado domingo preto de Adís Abeba, que deixou 157 falecidos, fixo saltar as alarmas ao ser o segundo sinistro en pouco tempo que sofre o modelo suspendido. Desde entón, varios países da UE anunciaran medidas, entre eles Reino Unido, Francia, Italia, Austria e Países Baixos, pero a decisión da EASA harmoniza a resposta europea. Ata febreiro de 2019, Boeing entregou máis de 376 aeronaves do 737 MAX. 

En España non hai aerolíneas nacionais que operen voos con este modelo de Boeing, aínda que Air Europa ten pendente un pedido de 20 aparellos, pero compañías doutros países podían voar con eles ata agora. 

A axencia europea está "a analizar continuamente os datos, a medida que están dispoñibles", pero considera que é prematuro sacar calquera tipo de conclusión sobre as causas do accidente, avisou no seu comunicado, posto que a investigación "segue en curso". O caso está en mans das autoridades etíopes, co apoio de expertos estadounidenses, xa que o aparello foi deseñado e fabricado en Estados Unidos. A axencia europea tamén ofreceu a súa asistencia. 

Por agora, non hai restricións por parte de Estados Unidos, o mercado onde voan as compañías aéreas que máis unidades teñen do 737 MAX: Southwest Airlines, que conta con 31 unidades, ou American Airlines, con 24 aeronaves deste modelo na súa flota. 

Comentarios