Falecen os 224 pasaxeiros do avión ruso que se estrelou en Exipto

As autoridades confirman que a aeronave está completamente destruída e que todos os pasaxeiros faleceron. O aparello dirixíase da localidade turística de Sharm el Sheij a San Petersburgo cando caeu sobre o Sinaí

A embaixada rusa no Cairo informou a través da súa conta de Twitter de que todos os pasaxeiros do avión Airbus que se estrelou mentres cubría a ruta entre a localidade exipcia de Sharm el Sheij e a cidade rusa de San Petersburgo faleceron.

"Por desgraza, todos os pasaxeiros do voo 9268 Kogalymavia Sharm el Sheij - Petersburgo morreron. Expresamos as nosas condolencias ás familias", pódese ler nun tuit da misión diplomática.

Pola súa banda, o portavoz da embaixada de Rusia, Anton Shcherba, dixo este sábado a Efe que "non hai informacións sobre a existencia de sobreviventes" no accidente do avión ruso que se estrelou con 224 persoas a bordo na península do Sinaí, no nordés de Exipto.

O aparello, un Airbus pertencente á compañía rusa MetroJet (Kogalymavia), estrelouse uns 23 minutos desois de despegar, con 217 pasaxeiros e sete membros da tripulación, de nacionalidade rusa.

O Goberno exipcio informou nun comunicado de que, dos 217 turistas que viaxaban a bordo do avión, 214 eran de Rusia e 3 de Ucraína, e que entre eles había 132 mulleres, 62 homes e 17 nenos.

Así mesmo, anunciou que corpos dos pasaxeiros do avión sinistrado están a ser trasladados ao Cairo, á morgue de Zeinhum, a principal da capital exipcia.

Un equipo médico exipcio etiquetou os corpos con números para empezar a tomar as mostras necesarias e facilitar a identificación dos mesmos, detallou a nota.

O primeiro ministro exipcio, Sherif Ismail, atópase no aeroporto de Kebrit, na península do Sinaí, supervisando o traslado das vítimas.

Por outra banda, o ministro de Asuntos Exteriores exipcio, Sameh Shukri, asegurou nun comunicado que as autoridades exipcias están comprometidas a esclarecer todos os detalles do sinistro en "total cooperación e coordinación" coa parte rusa.

O presidente do organismo responsable dos aeroportos exipcios, Adel Mahgub, asegurou á axencia de noticias oficial Mena que o avión foi sometido a unha inspección antes de que partise pola mañá de Sharm el Sheij e que estaba en "bo estado" para voar.

O Airbus fora fabricado en 1997 e acumulaba unhas 56.000 horas de voo en case 21.000 viaxes, indicou este sábado a compañía aeronáutica.

Comentarios