Un xuíz turco atenúa a pena a un agresor ao entender como unha ''provocación'' vestir mallas

Un tribunal do leste de Turquía recoñeceu como atenuante nun caso de agresión machista o que unha muller leva unhas mallas, o cal constituía unha "provocación", informou hoxe a cadea CNNTürk.

Un home, Turgay K., de 32 anos, acoitelou á súa esposa, coa que estaba en proceso de divorcio tras tres anos de matrimonio, ao atopala no coche dun amigo dela.

A vítima logrou salvar a vida debido á rápida intervención dos seus irmáns, que a trasladaron a un hospital, onde foi intervida de urxencia.

A acusación pediu 15 anos de cárcere por intento de homicidio, pero un tribunal da provincia oriental de Erzurum rebaixou a pena a 6 anos e 3 meses ao considerar que a muller ''provocara" o seu aínda marido por acharse no coche do seu amigo vestida con mallas e "lixeiramente inclinada cara a el", segundo a sentenza.

A violencia contra a muller é un grave problema social en Turquía, onde morren cada ano entre 200 e 250 mulleres pola violencia machista.

Nos primeiros seis meses de 2014 morreron 129 mulleres por este mal, segundo o reconto dunha ONG.

Por outra banda, hoxe entrou en vigor a denominada Convención de Istambul, un Tratado do Consello de Europa que permite outorgar status de refuxiadas ás mulleres que fuxan da violencia machista.

O texto, ratificado ata agora por 14 países, entre eles Turquía, España, Portugal e Italia, prevé que non se deben invocar nunca razóns de ''honra", tradición ou cultura para xustificar actos de violencia.

Comentarios