Unha nena morre golpeada polo seu profesor e os seus compañeiros de clase por non saber ler en Kenia

A pequena sufriu graves feridas que lle provocaron a morte dous días despois de recibir a malleira

Unha nena de 10 anos morreu na localidade keniana de Solio debido aos golpes propiciados polo seu profesor e os seus compañeiros de clase como castigo por non saber ler en inglés correctamente, informaron este martes medios locais. Segundo relatan, un mestre da escola de primaria Mukandamia ordenou o pasado xoves aos alumnos que golpeasen á súa compañeira se non lía apropiadamente unhas frases en lingua inglesa, castigo no que participou o propio docente.

A pequena sufriu graves feridas que lle provocaron a morte dous días despois no hospital de Mukandamia. "O profesor ordenou aos alumnos que ensinasen a ler á menor e se ela non o conseguía, que lle pegaran. Entón comezaron a golpeala nas costas", relatou Mary Wanjiku ao diario Daily Nation. Segundo contaron algúns alumnos aos seus pais, o profesor xa ferira á nena antes de ordenar a malleira.

Logo de ser golpeada, a menor dixo ao director do centro que se atopaba enferma e pediu permiso para irse á casa, onde vivía coa súa avoa de 86 anos. Os pais do resto de alumnos decidiron retirar este luns aos seus fillos da escola tras a morte da menor, segundo o citado periódico.

O suceso foi denunciado na comisaría de Naromoru, onde o oficial de Policía Michael Mbaluku informou de que están á espera de recibir un informe sobre a causa da morte. Ademais os alumnos foron interrogados e o profesor, desaparecido tras o incidente, está en procura. Os pais dos alumnos alegaron que esa non é a primeira vez que os nenos se queixan de ser golpeados severamente polo mestre.

Comentarios