Abstéñanse vexetarianos

MORAÑA. A crise non puido coa festa do Porquiño á Brasa, organizada pola Asociación Gastronómica Cultural da Amil, que a pasada fin de semana cumpriu a súa 24 edición. Aínda que se asaron algúns animais menos, foron un cento de porquiños os que se fixeron lentamente nas brasas acendidas ás catro da mañá. O último chegou á mesa levado en procesión, tal é a veneración.

Deles, 55 servíronse noutros tantos lotes que a organización puxera a disposición dos grupos que optaran por facer reserva. Cada un deses lotes, cun prezo de 300 euros e suficiente para 20 persoas, completouse con dúas empanadas de zorza e bacallau con pasas, doce botellas de viño Barrantes, seis botellas de auga, dúas bolas de pan, dúas bicas para a sobremesa e o indispensable café de pota con pingas.

Pero a festa non se limitou á vertente gastronómica. Houbo xogos tradicionais como os zancos, a roda, os sacos e o do pano. Da ambientación musical encargáronse Os Terribles da Arousa, Chinguilipé de Moraña e Airiños da Fracha de Ponte Caldelas, ademais do grupo de baile e música tradicional Seixebra.

Así mesmo, celebrouse a III Feira Artesanal na carballeira dos Milagres, que tamén tivo moita aceptación entre o público.

Comentarios