Acordan unha serie medidas que permitirán axilizar os trámites nos tribunais

O pleno do Congreso aprobou este xoves a lei de medidas de axilización procesual e da xurisdición social, incluídas no plan de modernización da Xustiza do ministro Francisco Caamaño, que culmina así unha etapa de reformas para axilizar o traballo dos tribunais.

A lei de medidas de axilización procesual acomete reformas nas xurisdicións civil e contencioso-administrativa destinadas a simplificar os procesos e acurtar os tempos de resposta dos tribunais, a través da eliminación de trámites innecesarios e a racionalización do sistema de recursos.

O Congreso tamén deu o visto e prace definitivo á Lei da Xurisdición Social, tras aprobar algunhas das emendas introducidas no Senado a ambos os proxectos, que non cambian substancialmente o contido inicial.

A Lei da Xurisdición Social permitirá que os tribunais desta orde asuman todos os asuntos relativos a accidentes laborais, seguridade e hixiene no traballo e vulneración de dereitos no ámbito laboral, especialmente acoso e discriminación.

O obxectivo desta norma é evitar a "peregrinaxe xurisdiccional" e procesos paralelos en diferentes xulgados, ao clarificar a orde xudicial competente.

Quedan á marxe desta reforma os casos penais, os litixios sobre a recadación da Seguridade Social e as excepcións derivadas dos procesos concursais.

Ambas as leis forman parte do Plan de Modernización da Xustiza 2009-2012 aprobado polo Goberno co fin de conseguir unha Administración de Xustiza máis áxil e eficaz.

Comentarios