Adega achega un vídeo dunha loba morta que non foi anunciada pola Xunta e os cazadores

A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza quere probar que as monterías concedidas en Cerdedo-Cotobade non cumpren a lei

A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (Adega) achegou o domingo un vídeo dunha loba morta tras unha montería. Segundo o colectivo trátase do resultado da batida convocada hai dúas semanas en Viascón. Os ecoloxistas sosteñen que a Xunta e os cazadores non deron parte oficial de abater ningunha peza para poder así seguir obtendo permisos de caza de lobos.

O gandeiro, que participou na montería de hai dúas semanas, desmentiu os feitos logo de ver o vídeo, que Adega colgou en Youtube e, en teoría remitiu a responsables de Conservación do Medio Ambiente e do TSXG para demostrar a súa tese. Roberto Louzán sostén que "é imposible que ese vídeo sexa en Cotobade. Non lle coñecemos as voces que se oen, non sabemos que ninguén matase nada. Nin sequera se vía nada, porque fixo moi mal tempo, néboa e choiva", apuntou.

No vídeo, de algo máis dun minuto, vese unha loba morta por un tiro e apréciase como uns cans, ataviados cos colares adhesivo que se reparten nas monterías, olfatean ao animal. óuvense as voces de varios cazadores que falan do lance, pero nada permite identificar o lugar dos feitos ou aos participantes.

Os cazadores de Cotobade afirmaron este domingo que o material audiovisual é falso, ou que, polo menos, non se corresponde coas batidas celebradas en Cotobade este ano.

Comentarios