Adrián Pardo, novo presidente de NN XX co 86% dos votos

O coruñés, que releva a Diego Gago, chama a loitar contra os "populismos" e anima a facelo desde a universidade
Adrián Pardo
photo_camera Adrián Pardo

O coruñés Adrián Pardo foi proclamado este sábado presidente de Novas Xeracións, a organización xuvenil ligada ao Partido Popular de Galicia, co 86% dos votos. Deste xeito, este mozo de Oleiros de 23 anos tomou as rendas de NN XX de mans de Diego Gago, actual presidente de Novas Xeracións en España.

O seu obxectivo, tal e como subliñou na súa intervención, é seguir facendo de Novas Xeracións a organización juvenial "máis forte" de Galicia, así como un proxecto "atractivo" para os mozos galegos.

"Temos que ser o mellor escaparate do noso partido ante a sociedade e facer fronte ás mentiras e á demagoxia das organizacións de esquerdas", remarcou ante máis dun centenar de mozos de Novas Xeracións e ante o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo; o secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado; o portavoz deste partido no Parlamento, Pedro Puy; e a deputada en Madrid Pilar Rojo, entre outros.

A continuación, recordou aos seus compañeiros do Partido Popular de Oleiros e asegurou que a organización xuvenil que agora lidera ten "un gran pasado e un gran futuro". En alusión a ese pasado, Adrián Pardo referiuse ao expresidente da Xunta Gerardo Fernández Albor, nomeado este venres presidente de honra de NN XX, quen este sábado non puido acudir a este congreso debido a un proceso catarral.
 
Albor, destacou o novo presidente de NN XX, iniciou o "soño autonómico", un soño que, precisou, hoxe seguen todos os membros do PPdeG e de Novas Xeracións.

Pero ademais, comparou o Goberno de Carles Puigdemont co de Alberto Núñez Feijóo para facer fincapé en que un é a "antítese" do outro. Neste sentido, apostou por loitar contra os "populismos" e animou aos seus compañeiros de NN XX a facelo tamén desde a universidade.

Comentarios