AGE denuncia que a Xunta deixou de executar o 42% da Risga a pesar de aumentar o seu orzamento

O deputado de AGE Juan Manuel Fajardo denunciou hoxe que a pesar de que a Renda de Integración Social (Risga) subiu en orzamento un doce por cento, a Xunta deixou de executar o 42 por cento das partidas de axudas de urxencia e as subvencións a servizos sociais por case dous millóns de euros.

"Rescátase aos bancos, autovías, empresas multinacionais, pero non ás persoas", subliñou Fajardo, quen tamén denunciou na demora na tramitación destas axudas, o que levou a unha veciña de Vilagarcía a anunciar unha folga de fame porque hai xa meses que espera a concesión da Risga.

En rolda de prensa, o deputado dixo que este caso constitúe un exemplo de que a atención á xente que o está pasando mal "non funciona" por unha decisión política do PP de deixar "na cuneta a xente que eles cren que está fóra da sociedade".

Os datos solicitados do propio Goberno a día 12 de decembro do ano pasado, dixo, revelan o "pouco interese" do Goberno en atender aos máis necesitados, xa que a conselleira de Traballo, Beatriz Mato, anunciara unha partida "aberta" para a Risga de forma que calquera persoa que a necesitase puidese acceder a ela. "O que non nos contaba" era que se deixaría de gastar diñeiro noutras partidas como as axudas de urxencia ou as subvencións en materia de asuntos sociais, polo que lamentou que o Goberno galego "se permita o luxo" de deixar sen gastar o 42 por cento do "xa pequeno" orzamento para urxencias.

Esta situación é "totalmente indecente", dixo Fajardo, que cualificou ao Goberno de ''mediocre e arrogante", mentres lamentou que o presidente da Xunta teña a "desvergoña" de dicir que en Galicia "non hai problemas de desnutrición infantil''. "Para liquidar un problema, primeiro hai que recoñecelo; haberá que levalo a unha reunión de presidentes anónimos" porque ao seu xuízo non é normal que o xefe do Executivo non recoñeza a realidade, o que levou a que non se executasen dous millóns de euros destinado a xente que pasa por dificultades.

Neste sentido, Farjardo denunciou que todo o programa vinculado á axuda social directa incrementouse en apenas 500.000 euros, a mesma cantidade que a Xunta gasta nunha campaña de publicidade para fomentar a natalidade. "Neste país gastámonos o mesmo en animar a xente a ter fillos" os que logo o Goberno deixa "desprotexidos", manifestou Fajardo, que insistiu en que os recortes "matan, e en servizos sociais tamén matan".

A este respecto, denunciou que desde que se solicita a Risga nun Concello e ata que se cobra o primeiro abono han de pasar de seis a sete meses, un período no que non se pode vivir sen comer''. "Eu pediríalle ao señor Feijóo que conxelase os seus ingresos" por este período "a ver se é capaz de sobrevivir, imaxínome que aforraría", pero non se pode, insistiu, deixar persoas en risco de exclusión sen ingresos un período de tempo tan longo.

Fajardo, que destacou que o seu grupo insistirá en reclamar un salario social mínimo para todo o que o necesite, denunciou tamén que están paralizados centenares de expedientes da Risga ata que termine o mes de maio en espera da entrada en vigor dunha norma que deixará fóra a moita xente que o necesita, subliñou. "¿Onde está a caridade cristiá dun Goberno que maioritariamente é do Opus?", preguntouse Fajardo, que cualificou o executivo de ''insensible" e "cruel".

Comentarios