AGE quere evitar que o maquinista se converta nunha ''chiba expiatoria''

Alternativa Galega de Esquerda (AGE) asegura que chegou o momento de esclarecer "o catastrófico" accidente de tren ocorrido o pasado mércores en Santiago que deixou 79 vítimas mortais e tamén rexeitou que se converta ao maquinista "nunha chiba expiatoria".

AGE asegura que hai que coñecer de quen son as responsabilidades políticas e técnicas do "tráxico sinistro" e insistiu en rexeitar "a criminalización" do maquinista e en defender a súa presunción de inocencia.

A coalición política asegura nun comunicado que a partir de agora traballará para que o Parlamento de Galicia "actúe canto antes", xa que considera que o loito non debe impedir o desenvolvemento das súas funcións para "contribuír a revelar as causas técnicas e responsabilidades políticas do accidente de Angrois". Ademais, volveu a transmitir as súas condolencias, pesar e solidariedade ás familias e as vítimas do terrible accidente de tren en Angrois, á entrada de Santiago de Compostela, aínda que "ningún consolo é suficiente nestas circunstancias", engade.

AGE destaca "a impresionante resposta" dos veciños deste barrio, dos traballadores da sanidade pública que suspenderon libranzas e vacacións para asistir aos feridos, dos bombeiros que incluso renunciaron á folga convocada e dos psicólogos voluntarios e ducias de empregados dos municipios desprazados ao lugar do accidente. Tamén, continúa AGE, dos servizos de urxencia sobrepostos ás "carencias de coordinación" e dos miles de doantes de sangue, que debuxan "un escenario de dignidade e non resignación". "A sociedade civil autoorganizouse para valerse por si mesma no corazón dunha catástrofe. Nin a política reaccionaria que suprime e recorta os seus dereitos nin os erros na dirección dos dispositivos de rescate conseguiron paralizar" a dignidade dos cidadáns.

Ante a celebración do funeral desta tarde na catedral polas vítimas, aínda que non o cita expresamente, AGE afirma que "nin participou nin participará en hipócritas cerimonias espectáculo" e asegura que o seu lugar é "xunto aos cidadáns, coas vítimas e os seus familiares nas concentracións de duelo que se sucederon por vilas e cidades galegas".

UNHA ASOCIACIÓN PROL MAQUINISTAS CRE QUE ''HAI ALGO MÁIS''

Neste mesmo sentido, Jesús Pereira Fernández, presidente e portavoz da plataforma Cos maquinistas, está convencido de que tras o accidente do tren Alvia nas inmediacións da estación da capital galega o pasado mércores hai algo máis que un "fallo humano".

Pereira, na súa conversación con Efe, indicou que "houbo moitas présas" nesta acusación, posto que nin sequera abriuse aínda a caixa negra, e, sen entremeterse no labor da xustiza, que deberá determinar a responsabilidade do mecánico natural de Monforte, Lugo, manifestou que "seguramente hai un cúmulo de despropósitos".

Entre eles, mencionou "cuestións de seguridade" e tamén que na etapa de José Blanco como ministro de Fomento se fixese caso omiso dun informe emitido polos técnicos sobre o trazado desta curva "e se mantivese tal como está".

Menciona, igualmente, a "rápida comunicación" coas autoridades brasileiras, país no que un consorcio integrado por Renfe e outras empresas españolas opta a un contrato para construír alta velocidade ferroviaria.

Repara con este comentario nas palabras do presidente de Renfe, Julio Gómez Pomar, que argumentou en declaracións a Efe que o sucedido "non se produciu nunha vía de alta velocidade, non se produciu nun tren de alta velocidade e que, polo tanto, non é aplicable ao que entenderiamos por un accidente nun tren de alta velocidade". Pereira apunta: "Están co cú de palla", unha expresión galega coa que evidencia o temor "das hostes gobernantes" a que esta operación caia.

O secretario de organización do sector ferroviario de UXT en Galicia, Ángel Rodríguez, recriminou que "desde un principio botouse todo encima do compañeiro" Garzón Amo, que nunca antes tivera ningún accidente nin fora sancionado. "Saíu a súa fotografía, cuestións familiares, o seu nome completo... Isto foi rarísimo", comentou, e engadiu: "Quixérono satanizar".

Rodríguez dixo a Efe que non puido contactar con el, como tampouco outras persoas que o intentaron, e coas que contactou Efe aínda que preferiron non falar: "Dános medo. Existe moito temor. De momento, calamos".

Comentarios