Agromuralla, decepcionada coas institucións, non descarta regresar "no seu día"

Agromuralla celebrou este venres ao mediodía unha última concentración ante o edificio administrativo da Xunta en Lugo antes de comezar a súa retirada. Unha reunión na que se procedeu á lectura dun manifesto e na que quixeron deixar claro que non se marchan cunha man chea de nada e outra cousa de ningunha, ademais de explicitar o seu malestar coas institucións e con aqueles que criticaron a tractorada. Incluso ameazar con volver "no seu día" se non se solucionan os problemas do sector.

En declaracións a Efe, un dos portavoces deste colectivo, Roberto López, confirmou que, desde o pasado 10 de decembro, Agromuralla recibiu, dunha ou outra forma, presións para levantar a protesta, porque parecía que "era máis importante o problema de tráfico que os do sector" lácteo.

Segundo López, os gandeiros tomaron a decisión de levantar a tractorada logo da limitación imposta pola Subdelegación do Goberno, pero tamén porque "pasan os días e a xente vaise cansando", dado que "quen tiña que escoitarnos non o estaba facendo".

En calquera caso, quixo deixar claro que os gandeiros non se marchan sen carga, porque a tractorada de Lugo serviu "para moito", entre outras cousas para "reforzar a unión dos gandeiros", pero tamén para que "saber onde vai o diñeiro da subida do leite nos lineais" dos supermercados. Tamén para explicarlle á cidadanía que "todas esas subvencións" anunciadas pola Administración non chegaron a todos os gandeiros.


Serviu tamén a tractorada, segundo López, para ver que "aqueles que dicían que estaban ao noso lado non o estaban tanto, ou se o estaban, era ao lado que non tiñan que estar".

Con respecto ao futuro de Agromuralla, anunciou que a organización "xa está a traballar nun proxecto moi importante", porque o seu obxectivo é "loitar polo sector, non traer tractores a Lugo". A Plataforma en Defensa do Sector Lácteo tamén aproveitou a xornada para tenderlles a man para unha futura integración.

Comentarios