A alcaldesa do Porriño reclama soterrar a vía férrea porque o tren atravesa o pobo "a 120 km/h"

Convocará unha concentración cidadá para volver expor esta "antiga reivindicación"

A alcaldesa do Porriño, a socialista Eva García de la Torre, reclamou este luns, de novo, o soterramento das vías do tren ao seu paso por esta localidade pontevedresa, xa que os convois atravesan a vila "a 120 quilómetros por hora". Así o manifestou a rexedora, en declaracións aos medios, durante unha visita ao parque comarcal do Porriño, na que acompañou á presidenta da Deputación, Carmela Silva.

García de la Torre apuntou que, tras o grave accidente do pasado venres, "é o momento" de volver reclamar o soterramento das vías, e criticou que o arranxo no paso a nivel (que tiña problemas na baixada de barreira) fose "só un parche". "Fixéronse arranxos na vía para incrementar a velocidade de paso do tren, porque se eliminaron paradas. Se [o tren 'Celta'] descarrilase máis arriba, sería unha catástrofe inimaxinable. Iso pode ocorrer en calquera momento", alertou a alcaldesa.

Ademais, a primeira edil do Porriño incidiu en que o soterramento das vías é unha "antiga reivindicacion" que vén xa desde os anos 50, e anunciou que se reunirá cos portavoces da corporación para acordar a celebración dunha concentración cidadá co fin de reclamar esa medida. 

Eva García de la Torre fixo estas manifestacións durante unha visita da presidenta da Deputación, Carmela Silva, ao parque comarcal de bombeiros do Porriño. Silva destacou o "labor encomiable" dos efectivos do parque, así como o "extraordinario traballo" realizado, en coordinación con outros bombeiros, tras o descarrilamento do tren que cobre a liña Vigo-O Porto. "Realizaron un traballo que só se pode cualificar de matrícula de honra", apostilou.

Na mesma liña, a alcaldesa do Porriño subliñou tamén o seu agradecemento aos bombeiros, e destacou a coordinación entre todos os efectivos, que tivo como resultado "un traballo impecable".

Comentarios