Alfonso Rueda está disposto a discutir a introdución do termo "feminicidio"

A deputada nacionalista Carme Adán esixiulle ao vicepresidente novas medidas contra a violencia machista despois de que en 2015 oito mulleres foran asasinadas polas súas parellas

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, mostrouse aberto a estudar novas medidas contra a violencia machista e a "discutir" a introdución do termo "feminicidio".

A candidata nacionalista Carme Adán incidiu na "gravidade" do problema do "feminicidio" e esixiu á Xunta acciones desde o Goberno e "sen botar as culpas" ao órgano non permanente que, da man de expertos e comparecencias, estuda na Cámara autonómica a igualdade e os dereitos das mulleres.

Adán tamén subliñou que non só se pode instar as mulleres a denunciar xa que as que o fan, unha porcentaxe inferior á metade, tras vencer barreiras como "o medo ou a vergoña", atópanse con "unha verdadeira carreira de obstáculos" para superar a situación, xa que "non hai unha figura que acompañe e coordine" os seus pasos, o que ligou coa retirada de denuncias. "Esperaba ir máis aló de condenas e minutos de silencio", pediu a deputada nacionalista.

NOVAS MEDIDAS. Rueda recordou que os populares "apoiaron" as leis de 2004 e de 2007, pero se mostrou partidario de incorporar novas medidas contra a desigualdade e a violencia machista, pero se reafirmou en que é necesario que haxa consenso" e non se politice" a cuestión.

Dito isto, asegurou que si cre necesario modificar as leis vixentes, aínda que manifestou a súa convicción de que as orientacións as debería facer a comisión de igualdade. Ao tempo, subliñou que se adoptaron medidas" e aludiu, por exemplo, ao recoñecemento como vítimas dos fillos de mulleres que sufran violencia machista. Tamén asegurou que está "de acordo" en ampliar os criterios para o recoñecemento de situacións de violencia machista.

Sobre a introdución do termo "feminicidio", apostou porque se discuta" e "a ver que sae". Iso si, sinalou que "o primeiro" é que haxa acordo entre "todos" e incidiu en que "non é unha discusión sinxela, xa que non se trata de discutir unha palabra, senón unha serie de situacións". "E iso hai que analizalo", advertiu.

Comentarios