Ambulantes de Vigo achegan as súas licenzas e esixen a reapertura dos mercadiños

A asociación de veciños de Coia pide a Abel Caballero que explique "os motivos" de manter o peche dos mercados, algo que considera "un castigo demasiado grande"

Representantes dos ambulantes de Bouzas e Coia presentaron este martes no rexistro municipal de Vigo as licenzas dos aproximadamente 300 postos que ambos suman e esixiron a súa reapertura tras máis de tres meses desde que se suspendesen por mor dun tiroteo no que foi ferido un feirante.

Francisco Giménez e Carlos Hernández fixeron fincapé en que con esta documentación que achegan tratan de demostrar que está "todo en regra". 

Hernández apuntou que no seu día o Concello de Vigo rexeitou regular os mercadillos, labor que recaeu nas asociacións de veciños, e saudou que a corporación agora pretenda asumir esa competencia a condición de que se respecten os postos dos feirantes que levan traballando anos en ambos mercadillos. 

O representante da asociación de veciños de Coia demandou unha entrevista co alcalde, Abel Caballero, para que explique "os motivos" de manter o peche dos mercadiños; "un castigo demasiado grande" máxime cando se están celebrando "con normalidade" no Porriño, Moaña ou Cangas.

Francisco Giménez apuntou que existe "moita calma e paz" entre os feirantes, e que "a situación non é para tanto", e engadiu que as perdas tras máis de tres meses de peche, coa campaña de Nadal por medio, son "incalculables".

Comentarios