Antuña asegura que hai que producir lácteos atendendo ás necesidades do consumidor

O director xeral de Feiraco, José Luis Antuña, sostén que a produción de lácteos terá que adaptarse aos profundos cambios que se perciben no estilo de vida da sociedade e á demanda dun consumidor que prima o "concepto de produto natural" e que "cada día ten unha maior oferta e moita máis información".

Antuña fixo estas afirmacións en declaracións a EFE, antes de participar nunha xornada sobre "a calidade de leite" e a "redución de custos nas explotacións leiteiras" que se está celebrando no Hotel Torre de Núñez, en Lugo, organizada pola Asociación Galega de Cooperativas Agrarias (AGACA).

"Hai uns cambios sociais clarísimos que temos que ter en conta", opina Antuña, "como son o envellecemento da poboación, porque a esperanza de vida alárgase", pero tamén variacións na propia forma de vivir da sociedade, "con nais traballadoras e moitos máis fogares individuais ou nos que só vive unha parella".

Ademais, desde o seu punto de vista, o consumidor é nestes momentos "máis comprometido co medio ambiente, é crítico e é capaz de modificar a tendencia dunha marca, porque elixe o que compra", de forma que as industrias veranse obrigadas a adecuar " produtos que cumpran con estas necesidades".

Nese sentido, sostén que a sociedade actual demanda "produtos ecolóxicos", porque "parece que hai un concepto de produto natural e san que enraíza na mente do consumidor", e esa tendencia é "un camiño que vai crecendo progresivamente" e condiciona a propia orientación das industrias do sector.

De feito, recordou que "o lanzamento de produtos ecolóxicos foi en 2010 un 30 % superior aos anos anteriores" e nos últimos 18 meses "detectáronse máis de 150 novas referencias" no mercado.

Pero o futuro dos derivados lácteos non pasa exclusivamente pola produción ecolóxica, matizou Antuña, dado que as industrias tamén terán que desenvolver produtos acordes coas "necesidades da terceira idade, para mellorar a súa calidade vida", así como alimentos que acheguen os nutrientes necesarios para o desenvolvemento da "poboación infantil".

Tamén haberá que apostar, opina o directivo de Feiraco, por produtos adecuados para persoas que padecen "trastornos dixestivos", como "leite sen lactosa".

En canto aos envases, sostén que haberá que adaptar os actuais formatos e, previsiblemente, reducilos para "axustalos ao tamaño dos fogares" e evitar que se desperdicie produto", pero tamén elaborar recipientes que sexan "respectuosos co medio ambiente".

Comentarios