Aposta polo enxebre nas festas patronais de Adina

A parroquia sanxenxina puxo este domingo o punto e final aos festexos coa súa tradicional xornada de degustación gastronómica

Logo dun sábado pasado por auga, os veciños da parroquia de Adina puideron gozar este domingo dun gran colofón ás súas festas patronais, celebradas ao longo do pasado fin de semana en honra a San Miguel e a Virxe do Rosario.

Desde hai varios anos, os festexos da localidade sanxenxina van máis aló dos actos relixiosos e as actuacións musicais. Unha vez máis, a xornada gastronómica organizada pola comisión de festas resultou todo un éxito. Centenares de persoas déronse cita na carpa habilitada nas inmediacións da igrexa para degustar produtos enxebres, como empanada, tortilla de pataca ou churrasco. As racións vendéronse a prezos populares. A velada estivo amenizada polo grupo musical Area. Ademais, tamén se instalaron inchables para os máis pequenos.

A última xornada das festas comezou á primeira hora coa tradicional tirada de bombas. Posteriormente, o templo parroquial acolleu unha misa, con procesión posterior, en honra á Virxe do Rosario. Os propios compoñentes de Area foron os encargados de pór o punto e final aos festexos cunha gran verbena nocturna.

A pesar da choiva, as actividades programadas para o sábado tamén resultaron todo un éxito. Un gran número de veciños deuse cita no recinto de festas para gozar dun concerto ofrecido polas orquestras Marbella e O Combo Dominicano. A comisión de festas sorteou varios agasallos.

Comentarios